BURACO NA MAGNETOSFERA TERRESTRE
O campo magnético da Terra é a nosa primeira liña de defensa. Esta burbulla magnética protéxenos do vento solar, unha corrente de plasma lanzada polo Sol que ten o seu propio campo magnético e que, baixo certas circunstancias se nos dá de cheo, pode provocar espectaculares auroras e incluso interromper as comunicacións de GPS ou afectar ás redes terrestres de enerxía. A vida no planeta depende deste xigantesco escudo para sobrevivir, pero resulta que non é tan sólido como pensabamos. Os satélites Cluster da Axencia Espacial Europea (ESA) descubriron algúns coadoiros na magnetosfera que permiten pasar o vento solar nun rango máis amplo do que se cría. Un destes buracos está provocado por un proceso coñecido como a reconexión magnética, polo que as liñas do campo magnético que apuntan en direccións opostas rómpense espontaneamente e volven a conectarse con outras liñas do campo próximas. Isto redirixe a súa carga de plasma na magnetosfera, abrindo a porta ao vento solar e permitindo que chegue á Terra.
En 2006, os satélites da ESA fixeron un descubrimento sorprendente: enormes remuíños de plasma de 40.000 quilómetros de longo no límite da magnetosfera (a magnetopausa) permitirían que entrase o vento solar. Estes remuíños atopábanse en latitudes baixas e ecuatoriais, onde os campos magnéticos estaban máis estreitamente aliñados.
Estes vórtices xigantes son impulsados por un proceso coñecido como o efecto Kelvin-Helmholtz (KH), que pode acontecer en calquera lugar na natureza cando dous fluxos adxacentes deslízanse entre si a velocidades diferentes. Os exemplos inclúen ondas azoutadas polo vento deslizándose pola superficie do océano, ou nubes atmosféricas cunha curiosa forma rizada.
FONTE: Xornal ABC/Ciencia
0 comentarios