UN FURACÁN XIGANTESCO EN SATURNO
O ollo do furacán que esta xunto ao polo Norte de Saturno, fotografado pola sonda espacial "Cassini" dende unha distancia de 419.000 quilómetros / NASA/JPL-Caltech/SSI
A nave espacial Cassini , en órbita de Saturno dende 2004, captou a primeira imaxe de preto, en luz visible e con alta resolución dun furacán xigantesco localizado nas proximidades do polo Norte do planeta dos aneis. O ollo, duns 2.000 quilómetros de diámetro, é 20 veces maior que o ollo de furacán medio na Terra, e os ventos alcanzan alí os 150 metros por segundo.
Os científicos encontran similitudes entre eses fenómenos, pero tamén diferenzas.
Entre os trazos parecidos entre ambos os dous fenómenos, o terrestre e o non terrestre, os científicos destacan a presenza dun ollo do furacán central, sen nubes ou con moi poucas, mentres que estas forman un muro rotando arredor do ollo. Entre as diferenzas, ademais do tamaño, destaca o feito de que o de Saturno non se despraza, sinala a NASA nun comunicado, mentres que os ciclóns tropicais terrestres tenden a moverse. O furacán de Saturno está alí fixo, no polo Norte, talvez porque nunha posición tan setentrional non ten onde ir, sinala Kunio Sayanagi, tamén especialista da misión.
Os científicos cren que o furacán está alí dende hai anos, aínda que non o puideron ver cando a sonda Cassini chegou ao planeta dos aneis, en 2004, xa que o seu polo Norte estaba escuro naquela época, en pleno inverno polar setentrional. A cámara infravermella si que captou a presenza dese xigantesco vórtice, que empezou a ser observable en luz visible a partir de 2009. Para fotografalo a Cassini tivo que cambiar a súa órbita gañando inclinación desta, xa que dende o seu percorrido ecuatorial habitual non ten á vista as rexións máis setentrionais do planeta, explica a NASA.
FONTE: Xornal El Pais/Ciencia
0 comentarios