Blogia
vgomez

XIGANTESCO CRÁTER BAIXO A SUPERFICIE XEADA DA ANTÁRTIDA

XIGANTESCO CRÁTER BAIXO A SUPERFICIE XEADA DA ANTÁRTIDA

Localización do cráter / Imaxe:European Space Agency

O satélite CryoSat da Axencia Espacial Europea (ESA) encontrou un gran cráter baixo a superficie xeada da Antártida. Os científicos cren que saíu á luz despois de que se drenase un lago, situado a uns 3 quilómetros por debaixo do continente.

Moi por debaixo da grosa capa de xeo que cobre a Antártdida hai lagos de auga doce sen unha conexión directa co océano. Estes lagos son de grande interese para os científicos, que tratan de entender o transporte de auga e a dinámica do xeo baixo a superficie conxelada do continente.

Un método para este tipo de investigacións consiste en perforar buratos a través de quilómetros de xeo. Non obstante, os científicos da ESA decidiron deixar de mirar o xeo e empezar a mirar o ceo, cara aos satélites.

Así, mediante a combinación de novas medidas adquiridas por CryoSat, unido a datos máis antigos do satélite ICESat da NASA, o equipo ten mapeado un grande cráter deixado por un lago, e mesmo puido determinar a magnitude da inundación que o formou.
De 2007 a 2008, drenáronse uns seis quilómetros cúbicos de auga, aproximadamente a mesma cantidade que se almacena no Lago Ness (Escocia), segundo indicaron os autores do traballo, publicado en ’ 
Geophysical Research Letters’, os que destacaron que é o maior evento do seu tipo rexistrado. Segundo explicaron, esa cantidade de auga é a décima parte da fusión que se produce baixo a superficie da Antártida cada ano.

Do mesmo modo, o estudo destacou a capacidade única de CryoSat para trazar os cambios nos lagos subglaciais da Antártida en 3D, e para botar nova luz sobre os acontecementos na base da capa de xeo. A ESA sinalou que CryoSat leva un altímetro de radar que pode “ver” a través das nubes e na escuridade, que proporciona medicións continuas sobre áreas como a Antártida que son propensas ao mal tempo e os longos períodos de escuridade. O radar pode medir a área e a profundidade dos cráteres de xeo en alta resolución, o que permite aos científicos calcular con precisión o seu volume.

Con cada lago subglacial, hai esperanza de encontrar vida mariña prehistórica. Ata agora, descubríronse preto de 400 lagos na base da capa de xeo antártica. A súa investigación tamén é de grande importancia, porque, cando se esgotan, alteran os hábitats subglaciais e poden provocar que o xeo que os cobre se deslice máis rapidamente no mar.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios