Blogia
vgomez

HI SEXAS: MARTE EN HAWAI

 

HI SEXAS é o acrónimo inglés de Hawaii Space Exploration Analog and Simulation (Hawai - Análise e Simulación de Exploración Espacial), unha misión que comezou en 2012 e na que varios investigadores simulan a vida en Marte nunha das ladeiras do volcán Mauna Loa , na illa de Hawai, a 2.500 metros de altitude. Este peculiar enclave foi elixido porque as condicións xeolóxicas do lugar son similares ao que coñecemos do Planeta Vermello. As tripulacións que pasan por HI SEXAS permanecen no centro entre catro meses e un ano, e os perfís dos integrantes son moi variados. A última, que abandonou o lugar en setembro do presente ano despois de pasar oito meses alí estaba composta por dúas mulleres e catro homes, maioritariamente formados en enxeñerías (aeroespacial, informática, astrobioloxía, de sistemas ou agrícola). A súa función durante o tempo que pasan en Mauna Loa é reproducir da forma máis fidedigna posible como sería a vida e a exploración en Marte.

Establecer unha base no Planeta Vermello é un proxecto cada vez máis próximo á realidade. Pero a súa consecución non só encerra unha gran complexidade respecto das tecnoloxías que serán necesarias para logralo. Certo que é imprescindible construír as naves que nos trasladen ata alí e levantar un hábitat seguro, pero estes factores, terminarán por liquidarse nun tempo relativamente curto. O seguinte problema que se debe resolver é como afectará os seres humanos unha estancia tan prolongada nesa contorna. E esta é unha das cuestións básicas que se abordan en HI SEXAS: as condicións illadas da misión, que inclúen 20 minutos de comunicación diferida e autosuficiencia parcial, foron deseñadas para ser similares ás dunha misión de exploración de superficie planetaria. As rutinas diarias inclúen a preparación de alimentos, o exercicio, a investigación e o traballo de campo. Non menos importante é a monitoraxe da saúde dos membros da tripulación e as súas reaccións psicolóxicas fronte ás dinámicas de grupo, o traballo en equipo e a convivencia prolongada.

O director técnico de HI SEXAS, está convencido de que esta misión resultará crucial nunha futura colonización de Marte que se antolla máis próxima do que pensamos: "Creo que grazas á nosa simulación poderiamos ter a seis persoas vivindo nunha cúpula dese tamaño en Marte cos recursos que lles demos. Creo que o conseguirían, de verdade créoo. Levar a carga a Marte é o menor dos seus problemas". 

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País/Ciencia

0 comentarios