FAROUT, O OBXECTO MÁIS AFASTADO DENTRO DO SISTEMA SOLAR
Imaxe do planeta anano tomada polo telescopio xaponés Subaru, en Hawai / CARNEGIE
Un equipo de astrónomos descubriu o obxecto máis afastado dentro do sistema solar. Trátase dun planeta anano que é o primeiro que se observou a máis de 100 veces a distancia entre o Sol e a Terra. Se a media de separación entre estes dous corpos é de 150 millóns de quilómetros (unidade astronómica), o novo obxecto está 120 veces máis lonxe, a uns 18.000.000.000 quilómetros. Ata agora, o obxecto máis afastado coñecido era Eris, a 96 unidades astronómicas, moito máis distante que Plutón, a 39,5.
O Centro de Planetas Menores da Unión Astronómica Internacional anunciou o pasado luns a existencia deste corpo. O seu nome oficial é difícil de lembrar 2018 VG18 pero os seus descubridores alcúmano Farout, que en inglés significa tanto distante como excéntrico, dous acenos de identidade deste obxecto nos confíns do sistema solar.
Os astrónomos (Scott Sheppard, David Tholen e Chad Trujillo) descubriron o novo planeta por casualidade. O que realmente buscaban é un planeta varias veces maior que a Terra que sería o noveno coñecido tras Mercurio, Venus, Terra, Marte, Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno. Aínda que por agora non se puido observar este planeta X, o equipo de astrónomos cre que existe pola suposta influencia que exerce a súa gravidade noutros corpos de menor tamaño, como O Trasgo, un planeta anano a 80 unidades astronómicas descuberto o pasado outubro.
O 10 de novembro o telescopio xaponés Subaru na cima do volcán hawaiano Mauna Kea captou a primeira imaxe do planeta anano. A observación foi confirmada por outro telescopio no Observatorio das Campás, en Chile, leste mesmo mes.
O novo planeta tarda máis de 1.000 anos en dar unha volta ao Sol. Polo seu brillo calculan que ten uns 500 quilómetros de diámetro e unha cor rosada que xeralmente delata a presenza de gran cantidade de xeo.
FONTE: Nuño Domínguez/elpais.com/ciencia
0 comentarios