A DESAPARICIÓN DAS BOLBORETAS
Nena de Serra Nevada ( Polyommatus golgus ) / Imaxe: www.anythingbutcommon.nl
As poboacións mundiais de bolboretas descenderon nos últimos anos, segundo diversas investigacións. Nun recente informe da Axencia Europea do Medio (AEMA) afirma unha diminución de case un 50% das bolboretas das pradarías entre 1990 e 2011. Os responsables do estudo aseguran que este dato debería facer "soar as alarmas", xa que estes hábitats europeos en xeral están a diminuír, e se poderían perder "moitas especies para sempre".
O estudo destaca que este acusado descenso é en especial preocupante, porque as bolboretas son un indicativo da evolución da maioría dos insectos terrestres, que constitúen dous terzos das especies do mundo. Ademais, os seus responsables consideran que esta diminución podería ser un sinal máis recente dunha tendencia moito máis acusada a longo prazo.
A Lista Vermella de Especies Ameazadas da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN ) tamén sinala o retroceso das bolboretas. Segundo este informe, un terzo das especies coñecidas diminuíu, algunhas delas endémicas, únicas no mundo. En España, especies endémicas como a bolboreta Apolo ( Parnassius apollo ) ou a Nena de Serra Nevada ( Polyommatus golgus ) sufriron un descenso da súa poboación nos últimos anos.
Varias ameazas explican a preocupante situación das bolboretas. O informe da AEMA apunta no caso das especies das pradarías europeas á intensificación da agricultura e as terras abandonadas nas rexións montañosas e húmidas, sobre todo no leste e sur de Europa. Segundo este informe a intensificación da agricultura conduce a pradarías uniformes "case estériles para a biodiversidade". Ademais, as bolboretas tamén son vulnerables aos pesticidas. Pola súa banda, as terras abandonadas, debido a que xa non producen beneficios aos agricultores, énchense de maleza. En definitiva, nalgunhas zonas de Europa as bolboretas das pradarías están case limitadas a marxes das estradas, vías mortas de ferrocarril, lugares rochosos ou húmidos, áreas urbanas e reservas naturais.
Os expertos da UICN tamén destacan entre os problemas das bolboretas a contaminación, os incendios, a expansión do turismo, a presión urbanística insostible, en especial nas zonas costeiras, ou o impacto de determinadas infraestruturas, como as estradas.
O cambio climático é outra das causas deste declive, segundo o Atlas de Risco Climático das Bolboretas Europeas. Os seus responsables aseguran que Europa perderá gran parte das súas especies se non se reducen as emisións de gases de efecto invernadoiro.
Lembremos a importancia das bolboretas e outros insectos, como as abellas, xa que a polinización que realizan é esencial para os ecosistemas naturais e a agricultura.
FONTE: Revista Consumer
0 comentarios