Blogia
vgomez

UNUNPENTIUM, O ELEMENTO 115

UNUNPENTIUM, O ELEMENTO 115

Configuración electrónica do ununpentium / Imaxe:commons.wikimedia.org 

Con nome, provisional, ununpentium, o elemento 115 foi sintetizado de novo, unha década despois de que fose descuberto, e pode que agora cumpra os requisitos oficiais necesarios para entrar na táboa periódica dos elementos. De ser así, ocupará o posto 115, entre o flerovium(114) e o livermorium (116), recoñecidos hai un par de anos

O elemento 115 foi producido agora en laboratorio por un equipo da Universidade de Lund (Suecia), en colaboración con expertos alemáns. É superpesado (con número atómico superior a 112) e desintégrase inmediatamente. Xa fora descuberto en 2003 por científicos rusos e estadounidenses, que lograron crear uns poucos átomos de ununpentium (desintegrados en milésimas de segundo). Pero o achado non foi suficiente para que o comité conxunto da Unión Internacional de Física Pura e Aplicada (IUPAP) e a correspondente de Química (IUPAC) o aceptase na táboa periódica, esperando a que se reproduciseo experimento de síntese e se confirmase.

Agora Dirk Rudolph e os seus colegas explican na revista Physical Review Letters que sintetizaron o elemento 115 bombardeando átomos de americio-243 (que ten no núcleo 95 protóns) con ións de calcio-48 (con 20 protóns). O ununpentium, como nos experimentos anteriores, desintégrase case ao instante, pero os científicos puideron demostrar a formación do novo elemento medindo as características físicas precisas desa desintegración.

Outro elemento superpesado, o 113 fora sintetizado á vez que o 115 nos experimentos anteriores, nunha colaboración do Laboratorio Nacional Lawrence Livermore (EUA) co Laboratorio Flerov de Reacciones Nucleares (Dubna, Rusia). Eles lograron dous isótopos do elemento 115 que sobreviviron entre 30 e 80 milisegundos antes de desintegrarse en isótopos do elemento 113. Tamén este último está pendente de entrada oficial na táboa periódica dos elementos, malia que o ano pasado uns científicos xaponeses anunciaron a súa confirmación.

Agora o comité internacional terá que decidir sobre dous novos candidatos a entrar da famosa táboa periódica dos elementos, que Dmitri Mendeleiev presentou en 1869, e decidirase o nome definitivo. 

FONTE:Xornal El País/Ciencia

0 comentarios