Blogia
vgomez

A RA QUE OE COA BOCA

A RA QUE OE COA BOCA

Ra Gardiner das Seychelles / Imaxe:directoriomascotas.com.es

Os científicos descubriron como unha diminuta especie de ra, que vive illada nas selvas das illas Seychelles no océano Índico, pode oír coa súa boca.

As ras Gardiner, unhas das máis pequenas do mundo, non posúen oídos nin tímpanos de resonancia pero son capaces de transmitir sinais de son ao seu cerebro, revelou un estudo publicado polo Centro Nacional para a Investigación Científica (CNRS) .

Xeralmente as ras non teñen un oído externo como os humanos, pero posúen un oído medio con tímpano que se encontra sobre a superficie da cabeza. As ondas de son entrantes fan vibrar o tímpano e este conduce a vibración través de cadea de osiños do oído interno, onde células sensitivas envían sinais eléctricos ao cerebro.

Ata agora non se consideraba posible oír sen un oído medio, porque o 99,9 % dunha onda de son que chega a un animal se reflicte na superficie da súa pel.

O experimento consistiu en instalar altofalantes no hábitat das Gardiner e reproducir sons de ras gravadas con anterioridade. Isto provocou que os machos presentes na selva tropical respondesen, demostrando que eran capaces de escoitar o son emitido.

O seguinte paso foi descubrir como oían. Dado que como estes animais son moi pequenos, de apenas un centímetro de longo, necesitaron imaxes de raios X do tecido brando e as pezas óseas con resolución micrométrica para determinar que partes do corpo contribúen á propagación do son.

Isto permitiulles examinar a anatomía da ra en detalle e traballar en que partes do seu corpo poden xogar o papel do oído medio, que transmite os sinais de ondas de son a través dos nervios ata o cerebro.

O equipo produciu simulacións de como a cabeza da ra respondeu ás ondas sonoras da mesma frecuencia que a chamada en ton alto doutra ra. Isto confirmou que a cavidade da boca das ras resoou como o corpo dunha guitarra.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia 

0 comentarios