Blogia
vgomez

MARTE: UN MUNDO VIABLE PARA OS MICROORGANISMOS

MARTE: UN MUNDO VIABLE PARA OS MICROORGANISMOS

Imaxe dunha rocha de marte co círculo en que o Curiosity a cepillou para desvelar os seus trazos característicos / SCIENCE/AAAS

O robot Curiosity está en Marte no sitio axeitado e cos instrumentos adecuados para encontrar o que os científicos están a buscar: indicios de que o planeta veciño puido ser idóneo para a vida algunha vez na súa historia. No cráter Gale no que o vehículo da NASA descendeu en agosto do ano pasado hai unha zona que, polas súas características físicas e químicas, tería sido un lago de baixa salinidade, pH relativamente neutro, con presenza de carbono, hidróxeno, osíxeno, xofre, nitróxeno e fósforo. Son ingredientes que fan do lugar, bautizado Yellowknife Bay, un ámbito teoricamente capaz de albergar microorganismos como os que se encontran en covas e en fumarolas na Terra. Foi hai uns 4.000 millóns de anos e as condicións axeitadas para unha forma de biosfera no lago, que debeu ser un ámbito fluvial lacustre, puideron durar centos ou mesmo decenas de miles de anos.

Os primeiros resultados sobre a remota habitabilidade de Marte obtidos por esta misión da NASA foron adiantados o pasado mes de marzo. Agora, con máis mostras e tras as análises detalladas de todos os datos, publícanse as conclusións na revista Science, en seis artigos que cobren diferentes aspectos da investigación. Ademais, os membros do equipo de investigación presentaron estes traballos nunha conferencia da Unión Americana de Xeofísica que se celebra en San Francisco.

Outro logro do Curiosity presentado agora é a primeira datación directa de rochas por métodos radiométricos, fronte ás estimacións indirectas que viñan realizando os científicos pola densidade de cráteres nas zonas estudadas. A idade medida agora para a mostra de rocha bautizada Cumberland é de entre 3.860 millóns de anos e 4.560 millóns de anos, o que está no rango que se calculara para rochas do cráter Gale.

O lago de Yellowknife, de augas superficiais e uns 50 quilómetros de longo por cinco de ancho, puido ter auga doce con elementos que son clave para a actividade biolóxica, o que ofrecería condicións perfectas para formas de vida simples como os microorganismos quimiolitoautótrofos, que obteñen enerxía por oxidación de compostos inorgánicos, informa o Imperial College. E non foi produto dunha inundación ocasional, senón que esas augas, nun ámbito frío, deberon constituír un ámbito habitable sostido durante moito tempo (aínda que puidesen ser subterráneas nalgúns períodos), con condicións axeitadas para unha ampla gama de organismos procariotas.

A investigación segue e as evidencias son cada vez máis contundentes!

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios