Blogia
vgomez

PROTOCOLO EDUCATIVO PARA A PREVENCIÓN E O CONTROL DO ABSENTISMO ESCOLAR

PROTOCOLO EDUCATIVO PARA A PREVENCIÓN E O CONTROL DO ABSENTISMO ESCOLAR

O conselleiro Jesús Vázquez (centro), con Manuel Corredoira e Manuel Vila, o venres, no Mupega / Imaxe: Xoán Álvarez 

Nun acto desenvolvido onte, venres, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria  presentou, diante de equipos directivos, docentes, orientadores e demais axentes implicados, o protocolo que o seu departamento vén de elaborar para a atención específica ao absentismo, que establece por primeira vez un procedemento común para a prevención e detección desta situación nos centros educativos, salientando a necesidade de colaboración entre as diferentes entidades (especialmente servizos sociais, Concello, centros de ensino e administración educativa) na loita contra o absentismo e o abandono temperán, seguindo un procedemento común de actuación diante destas situacións. Con todo, o conselleiro explicou que nestes momentos o absentismo non supón un problema significativo no sistema educativo galego, xa que afecta a menos do 0,2% da poboación escolar en idade de escolarización obrigatoria.

O protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar é o primeiro documento elaborado para regular a asistencia a clase do alumnado galego, e tamén o primeiro no que se definen conceptos como o de absentismo (alumnos cun número de faltas sen xustificar superior ao 10% do horario lectivo dun determinado mes), ou de expediente de absentismo (conxunto de documentos que recollen a aplicación do protocolo, e que quedarán  rexistrados). Así mesmo, contémplase o considerado como falta xustificada ou non xustificada de asistencia a clase, con exemplo claros de que e con que documentos se pode acreditar a ausencia da aula.

O Conselleiro incidiu na importancia do feito de establecer prazos para minimizar o efecto negativo do absentismo na vida escolar. Neste sentido, queda recollido que o profesor deberá realizar diariamente o control de asistencia e comunicalas ás familias ou titores legais (tanto as xustificadas como as que non o están) dentro dos primeiros 5 días naturais do mes seguinte. No caso de que o número de faltas sen xustificar supere o 10% do horario lectivo dese mes determinado, o profesor titor iniciará o expediente de absentismo e comunicará a situación á xefatura de estudos, para despois convocar ás nais e pais do alumno en cuestión. O inicio do expediente producirase, como máximo, dentro dos 7 días naturais seguintes á data na que as faltas de asistencia superaron o devandito 10%.

Se a reunión do profesor titor coa familia reconducise a situación paralizarase o proceso e arquivarase o expediente. Se non, será a xefatura de estudos a que convoque a familia, para intentar resolver a situación e arquivar o expediente con ese encontro. No caso de que iso non se producise, a dirección do centro educativo deberá notificar a situación ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente e ao Concello de residencia da alumna ou alumno, no prazo máximo de 30 días naturais desde o inicio do expediente.

O protocolo acompáñase ademais cunha serie de anexos dos documentos ou procedementos aos que se fai referencia nas distintas fases ou momentos do protocolo: modelos das convocatorias de reunión, das actas dos encontros cos pais, do rexistro de contactos do centro coas familias e de notificación do expediente de absentismo, entre outros.

Para unha maior comprensión, no cado do noso IES, tendo en conta que en Secundaria e Bachillerato o calendario lectivo semanal é de 32 horas (128 ao mes), o centro abriría expediente a partir das dúas xornadas completas de ausencia mensuales, calculando as faltas unidas, ou entre 12 e 13 horas separadas, é dicir, distribuídas ao longo do mes.

Indicar, que na práctica, ao menos cando eu fun titor, xa se facía algo similar no noso Centro.

FONTE: Consellería de Vultura, Educación e Ordenación Universitaria

0 comentarios