UN NÚCLEO DENTRO DO NÚCLEO DA TERRA
A ilustración amosa que o núcleo interno da Terra ten, á súa vez, outro núcelo no seu interior/ Lachina Publishing Services
Un grupo de xeólogos das universidades de Illinois, en Estados Unidos, e de Nanjing, en China, acaba de anunciar en Nature Geosciences o descubrimento dun segundo núcleo terrestre. Ou, máis exactamente, un núcleo dentro do núcleo do noso planeta.
O sorprendente achado foi posible grazas a unha nova tecnoloxía de interpretación e lectura de ondas sísmicas, que permitiu aos investigadores afondar ata o centro mesmo da Terra.
Para levar a cabo o seu traballo, os investigadores usaron as ondas sísmicas dos terremotos e "escanearon" o que sucede baixo a superficie, dun modo similar a como fan os médicos que usan ultrasóns para ver o que sucede dentro dos seus pacientes.
Os investigadores utilizaron unha tecnoloxía que obtén datos non do choque inicial dun terremoto, senón das ondas que resoan nas súas secuelas. Un terremoto é algo parecido a un martelo golpeando unha campá: e da mesma forma en que un oínte escoita claramente o ton que resoa tras golpear a campá, os sensores sísmicos dos científicos recollen un sinal coherente na "coda" do terremoto.
O resultado é que ese sinal, reforzado pola tecnoloxía, "resulta tan clara e forte como a do campanazo principal", explican. “A idea básica deste método leva roldando a noso arredor dende hai tempo, e o mesmo principio xa se utilizou para estudos levados a cabo preto da superficie. Pero o que nós buscamos é o camiño cara ao centro da Terra".
Mirar a través do núcleo terrestre revelou unha sorpresa no centro do planeta, aínda que non do tipo da que imaxinou Julio Verne. O núcleo interno, en efecto, do que se pensaba que era unha sólida bóla de ferro, resultou ter unhas propiedades estruturais moito máis complexas do que cría. Os investigadores, en efecto, encontraron un "núcleo dentro do núcleo" que está perfectamente definido e que ten preto da metade do diámetro que o núcleo completo. Ademais, o equipo de investigadores decatáronse de que os cristais de ferro da "capa externa" do núcelo estaban aliñados direccionalmente, de norte a sur, mentres que os do núcleo dentro do núcleo apuntan na súa maioría de leste a oeste.
Pero non só a aliñación magnética dos cristais de ferro é diferente en ambas as dúas partes do núcleo, senón que se comportan, ademais, de forma moi distinta, o cal significa que o "núcleo dentro do núcleo" podería estar feito dun tipo de material diferente.
FONTE: Xornal abc/ciencia
0 comentarios