Blogia
vgomez

O TERREMOTO DE NEPAL ALTEROU A ATMOSFERA TERRESTRE

O TERREMOTO DE NEPAL ALTEROU A ATMOSFERA TERRESTRE

Un software desenvolvido polo Laboratorio de Propulsión a Chorro (JPL) da NASA, en Pasadena, California (EUA) descubriu que o terremoto de magnitude 7,9 na escala Richter que sorprendeu e asolou Nepal o pasado 25 de abril creou ondas de enerxía que penetraron na atmosfera superior da Terra, o que perturbou a distribución de electróns da ionosfera ou termosfera, a zona da atmosfera terrestre ionizada permanentemente debido á fotoionización da radiación solar.

As perturbacións foron controladas mediante os sinais transmitidos polo Sistema de Posicionamento Global (GPS) e recibidos por un receptor GPS situado nunha rexión veciña a Nepal. As medicións desta rexión da atmosfera que está situada entre 60 e 1.000 quilómetros sobre a superficie da Terra foron filtradas con este software de procesamento da NASA e mostraron a distribución -e perturbación- dos electróns da ionosfera.

Os datos revelan que tras a ruptura do terremoto inicial houbo un período duns 21 minutos ata que a perturbación ionosférica provocada polo terremoto chegase a unha estación de GPS situada a uns 640 quilómetros de distancia do epicentro no Tibet (China).

Grazas a este tipo de información os científicos poderán chegar a planificar futuros sistemas de alerta para poder responder con antelación a calquera perigo de carácter natural difícil de detectar como unha erupción volcánica ou un tsunami.

FONTE: revista Muy Interesante/Ciencia

0 comentarios