Blogia
vgomez

UN VELEIRO ESPACIAL NAVEGA CON VENTO SOLAR

UN VELEIRO ESPACIAL  NAVEGA CON VENTO SOLAR

Recreación artística da nave ’LightSail’ / PLANETARY SOCIETY

A luz do Sol viaxa en pequenos paquetes chamados fotóns, que carecen de masa pero posúen enerxía e momento. Cando se reflicten nunha superficie reflectante, á par que rebotan transmítenlle unha parte dese momento de enerxía. Como un suave e practicamente inapreciable empuxón, que induce unha aceleración de apenas centésimas de milímetro por segundo.

O pasado mércores, 20 de maio, a Sociedade Planetaria lanzou ao espazo a nave LightSail (veleiro de luz), capaz de navegar co impulso dese sutil vento solar, mediante unhas velas reflectantes de 32 metros cadrados e apenas 4,5 microns de grosor, a cuarta parte do espesor dunha bolsa de lixo, feitas dun poliéster chamado mylar.

LightSail é unha nave formada por tres módulos do tipo cubesat, que son pequenos satélites de forma cúbica con 10 centímetros de lado. O seu tamaño total vén a ser o dun paquete familiar de pan de molde. O veleiro solar viaxará dende Cabo Canaval a bordo dun foguete Atlas V, e cuxa misión principal é poñer en órbita unha misión militar secreta do avión espacial X-37B da US Air Force. No compartimento de carga do foguete viaxan en total 10 cubesats de diversas organizacións.

A misión do LightSail ten moito de física experimental. O seu obxectivo é comprobar os sistemas de navegación, baseados nos campos magnéticos da Terra. Despois de catro semanas en órbita, cando se distancien os satélites, despregará a vela, formada por catro seccións triangulares aloxadas en cada un dos catro costados do vehículo.

Para soltala terá que queimar, literalmente, un cable do grosor dun fío de pesca, que suxeita os paneis de protección. A antena transmitirá continuamente datos de telemetría e unha batería de láseres, en terra, medirá o efecto que causa a luz solar sobre a vela. Un efecto que non será suficiente para a navegación "a espazo aberto".

Este vehículo, é un pioneiro que será situado en órbita baixa (menos de 200 quilómetros de altura, sen detallar con exactitude), demasiado inmerso na atmosfera, que frea e amortece o efecto dos fotones. O empuxón dos fotóns é case irrelevante, pero cun efecto incremental e continuado, a diferenza do impulso brusco e puntual que producen os clásicos foguetes, mediante breves arranques. Unha aceleración continua de cinco centésimas de milímetro por segundo supón alcanzar unha velocidade de máis de catro metros por segundo nun só día.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

0 comentarios