Blogia
vgomez

ASÍ XURDÍU O ROSTRO HUMANO

ASÍ XURDÍU O ROSTRO HUMANO

De esquerda a dereita, reconstrución da cara de australopiteco, “Homo habilis”, “Homo erectus” e “Homo sapiens”/ Getty

Unha extensa revisión de centos de cranios de primates, humanos actuais e homínidos extintos deron como resultado un apaixonante relato de como e cando xurdiu esa rareza evolutiva que chamamos cara.

O traballo, publicado na revista PLoS One,  estuda dúas partes do cranio: a posterior que contén o cerebro e os ósos frontais que compoñen o rostro. No encaixe destas dúas pezas está a clave para comprender por que os humanos non temos cara de mono, aínda que moitas veces nos vexamos moi parecidos a eles. A mostra inclúe chimpancés, gorilas, bonobos e orangutáns. En todos eles observouse a mesma regra inmutable no desenvolvemento das súas cabezas: canto máis grande é o neurocranio, máis grande faise tamén a cara. O tamaño é importante pois eses rostros anchos serven de soporte para unha dentición poderosa necesaria para unha vida na xungla comendo brotes, follas, froitos e, ocasionalmente, carne.

A investigación tamén analiza cranios de varias especies de australopitecos, homínidos que xa camiñaban ergueitos e que viviron en África dende hai uns 3,5 millóns de anos. As súas caras parecen, así mesmo, sometidas á mesma lei de desenvolvemento observada nos grandes primates. Despois produciuse un "cambio radical" coa aparición das primeiras especies do xénero Homo, o noso. Estas especies desenvolveron un cerebro cada vez maior e, a medida que o seu cranio medraba, a cara comezou a minguar coma se un necesitase dos recursos biolóxicos da outra. Este proceso é continuo no tempo. Iníciase en África co Homo habilis hai uns 2,5 millóns de anos e continúa, a media que se conquista territorio, con Homo Erectus, en Asia; Homo georgicus, en Xeorxia; Homo antecessor, en Atapuerca (Burgos), e o home neandertal, o noso parente humano máis próximo e que se extinguiu hai uns 30.000 anos. O punto máis avanzado chega con Homo sapiens, a cara máis pequena e estreita de todos os homínidos.

O estudo incluíu análise de cranios de sapiens que viviron en África hai 160.000 anos así como poboacións posteriores de cromañóns, pobos neolíticos e humanos actuais de varias nacionalidades.

A pregunta do millón é por que, de súpeto, os patróns físicos comezaron a cambiar para dar lugar a un cerebro maior e unha cara máis pequena. Débese en parte a que os Homo "estábanse a adaptar a un ámbito e a unha situación totalmente nova", apuntase no traballo. Entre eses cambios estivo o xiro cara a unha dieta carnívora, esencial para sustentar un cerebro que necesitaba o 22% de toda a enerxía do corpo (o dun chimpancé require o 8%).

O rostro humano tamén é único pola súa inmadurez. Comparados con outros primates, os sapiens teñen un período de desenvolvemento durante a nenez e adolescencia moi longo e, non obstante, chegan á idade adulta mantendo trazos xuvenís. Por iso, un cranio dun home e un chimpancé son visiblemente diferentes, pero o dun neno e un chimpancé bebé son moito máis similares, e mesmo o dun home adulto se parece máis ao do chimpancé bebé.

E como sería a nosa cara se non se tivese producido ese "cambio radical"? Teriamos quedado na zona de adaptación dos australopitecos e nunca teriamos despegado, teriamos caras máis grandes e probablemente nunca se tería desenvolvido un cerebro tan grande como o noso.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios