Blogia
vgomez

A CARA OCULTA DA LÚA

 

"Épica". Non se lle ocorreu un adxectivo mellor á NASA para describir a última imaxe obtida polo satélite Deep Space Climate Observatory (DSCOVR). Trátase dunha serie de fotografías única, xa que se pode apreciar completamente iluminada a cara oculta da Lúa, a zona que nunca se pode observar dende a Terra.

A escena fotografouse grazas á Cámara de Imaxes Policromáticas da Terra (EPIC) de catro megapixeis CCD instalada no satélite (DSCOVR) que orbita a máis dun millón de quilómetros da Terra. Estas incribles imaxes foron tomadas o pasado 16 de xullo durante un intervalo de case catro horas. Nese instante a Lúa «sobrevoaba» o Océano Pacífico preto de América do Norte. Pódese apreciar o Polo Norte na parte superior esquerda da imaxe, o que reflicte a inclinación orbital da Terra dende o punto de vista do satélite.

O equipo formado por este satélite e a cámara EPIC está constantemente observando a parte iluminada da Terra acompañándoa no seu movemento de rotación, de tal maneira que os científicos poden controlar o ozono, a vexetación, a altura das nubes e os aerosois na atmosfera. Deste modo, o sistema ofrecerá aos científicos unha serie de imaxes que lles permitirán estudar as variacións destes niveis ao longo de todo o día.

A sonda automática soviética Lúa 3 fotografouna por primeira vez o día 7 de outubro de 1959. Por certo a imaxe non era tan nítida.

FONTE: Xornal abc/ciencia

0 comentarios