DISCREPANCIA: "O ACORDO DE PARÍS É UNHA FRAUDE"
James Hansen / Imaxe: xornal El Mundo
James Hansen, o científico da NASA que alertou fai tres décadas sobre os riscos do cambio climático no Congreso, cualificou o Acordo de París como "unha fraude e unha farsa".
Desmarcándose do ton de celebración entre os líderes políticos, en declaracións a “The Guardian”, Hansen cuestionou o contido do acordo de 31 páxinas alcanzado en París como "unha suma de palabras e de promesas, sen accións concretas".
"O acordo é unha escusa que teñen os políticos para poder dicir: temos unha meta de dous graos e tentaremos facelo mellor cada cinco anos", declarou Hansen, que criticou o feito de que o texto non mencione sequera polo seu nome ”ao auténtico causante do problema: as enerxías fósiles".
"Mentres os combustibles fósiles sexan os máis baratos, ímolos a seguir queimando", engadiu Hansen, que ao seu paso por París defendeu a necesidade de gravar o petróleo, o carbón e en menor medida o gas: "Non o chamaría imposto do carbono porque iso asusta á xente, pero os grandes contaminadores teñen que pagar".
Hansen destacou que o acordo, que insta aos 196 países asinantes a alcanzar o "pico" de emisións "canto antes", non establece un obxectivo claro nin fixa un calendario ou unha meta no horizonte.
O científico, de74 anos, retirouse da NASA en 2013 e segue sendo profesor na Universidade de Columbia. Nos últimos anos foi detido varias veces fronte á Casa Branca nas protestas contra o oleoduto entre Alberta e Texas, xunto a membros do grupo 350.org, que reclama accións para limitar as extraccións de carbón e petróleo.
Considerado como alarmista por unha banda da clase científica, que non acaba de ver con bos ollos o seu salto ao activismo, a súa última contribución á ciencia do clima foi un estudo datado en xullo, no que asegura que a meta de dous graos de quecemento é "excesivamente perigosa" e que a subida do nivel dos mares pode poñer en risco a metade das grandes cidades costeiras do planeta, incluídas Nova York, Miami, Londres e Xangai.
FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia
0 comentarios