Blogia
vgomez

QUE É O ZIKA?

QUE É O ZIKA?

Mosquito Aedes aegypti / Imaxe:vector.caltech.edu

O zika é un virus que se transmite pola picadura dun mosquito, o Aedes aegypti, o mesmo que propaga o dengue ou a chikunguña. Identificouse por primeira vez en Uganda en 1947 e agora expándese a toda velocidade por América Latina. Non é mortal pero pode provocar graves secuelas no feto se quen se contaxia é unha muller embarazada. En concreto, pode provocar microcefalia, un desenvolvemento anormal do cerebro que causa discapacidade. De aí a alarma. Só en Brasil crese que naceron un 3.800 bebés con microcefalia a causa do zika.

O peor é que trátase dun axente patógeno fronte ao que non temos nin vacina nin tratamento. A única medida a adoptar é evitar por todos os medios posibles a picadura do mosquito, que por outra banda demostrou ter unha gran capacidade de resistencia e adaptación. Non é xa un mosquito rural, senón que está plenamente adaptado ao medio urbano. Bástalle cun pouco de auga encharcada e calor para reproducirse, nun ciclo vital de apenas unha semana na que pode chegar a desprazarse máis de dous quilómetros. De aí a rápida expansión: os primeiros casos diagnosticáronse en Brasil a principios de 2015 e xa se atopa en 18 países. Algúns científicos sospeitan que atopou un aliado no cambio climático, que aumenta as temperaturas e fai que a calor se prolongue máis do normal, o que significa máis mosquitos durante máis tempo.

Europa é, ata agora, o único continente onde non se rexistrou transmisión autóctona do virus, aínda que o mosquito vector Aedes albopictus (mosquito tigre) está presente en toda a costa mediterránea. Aínda que é probable que ocorran casos de transmisión autóctona da enfermidade e mesmo que se poidan presentar algúns brotes limitados, a probabilidade de que se produza un brote ou epidemia cun número relativamente elevado de casos é extremadamente baixa.

Aínda así, un residente en Dinamarca deu positivo nas probas para diagnosticar o virus de zika. Ao parecer viaxou a América do Sur e Central e regresou recentemente ao país europeo.

En España, dúas mulleres suramericanas de entre 30 e 45 anos que viven en Cataluña e  non están embarazadas foran diagnosticadas co zika. As dúas mulleres, que xa se atopan ben, contraeron o virus a finais do ano pasado nos seus países de orixe, onde probablemente foron infectadas por un mosquito.

Conviviremos co zika nos próximos meses, seguro, ben sexa seguindo a situación en América, ben aconsellando aos viaxeiros internacionais e sempre facendo a pregunta fundamental a todo paciente que consulta por un cadro febril: De onde vén?

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios