DETECTADA A GALAXIA GN-z11, A MÁIS AFASTADA XAMAIS VISTA
O telescopio espacial Hubble, o observatorio espacial máis potente do mundo, é ademais unha máquina do tempo. Esta semana, fíxose público que logrou tomar imaxes da galaxia máis afastada xamais vista. A luz que agora recolle o Hubble móstranos aquel obxecto tal e como era cando o universo tiña só 400 millóns de anos (agora ten máis de 13.000), pouco despois de que as primeiras estrelas e cuásares reionizasen o cosmos e comezasen a facelo visible.
A galaxia, bautizada como GN-z11, é 25 veces máis pequena que a Vía Láctea e ten só un 1% da súa masa en estrelas. Con todo, naquela galaxia xuvenil estaban a formarse estrelas a un ritmo 20 veces superior.
Os científicos están sorprendidos co achado. Marijn Franx, da Universidade de Leiden (Holanda), afirma nun comunicado do Hubble que o seu “traballo previo suxería que estrelas tan brillantes non deberían existir nunha etapa tan temperá do universo”. As teorías sobre a evolución do universo teñen dificultades para explicar como só 200 ou 300 millóns de anos unha galaxia puido acumular a masa de mil millóns de soles. O ritmo de formación de estrelas tivo que ser frenético.
Ivo Labbe, tamén de Leiden, explica que descubrimentos como este mostran que aínda se descoñece moito sobre aquel universo infantil. “Aínda é un misterio como se formou GN-z11. Probablemente estamos a ver a primeira xeración de estrelas formándose ao redor de buracos negros”, conclúe.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
0 comentarios