O VOLCÁN CHIMBORAZO GÁNALLE A PARTIDA AO EVEREST
Altura dende o centro da Tera / Imaxe: Instituto Xeográfico Militar de Ecuador. HEBER LONGÁS/EL PAÍS
Un grupo de expedicionarios franceses e ecuatorianos subiron ao volcán Chimborazo (6.268 metros sobre o nivel do mar), a montaña máis alta de Ecuador, en febreiro pasado, e colocaron no cume un sistema de posicionamento global (GPS) de alta precisión, que a través dunha antena de 60 centímetros de longo recibe o sinal de 15 satélites de diferentes países. “Para obter datos precisos deixamos o GPS durante dúas horas e logo procesamos a información que se almacenou nese lapso de tempo”, explica un dos expedicionarios do Instituto Xeofísico (IG).
Os resultados que arroxou a medición acábanse de coñecer e conclúen que o cume do volcán está a 6.384.415,98 metros do centro da Terra. Este novo cálculo confirma que o Chimborazo é o punto máis distante do centro da Terra, e por tanto máis próximo ao Sol, e está 40 metros por diante nesta clasificación da cima do nevado Huascarán, en Perú, que sería o segundo punto máis afastado.
A utilización de GPS, que ten unha marxe de erro de máis ou menos 10 centímetros, fixo gañar en 2001 tres metros á montaña máis alta de Europa, o Mont Blanc, que pasou de medir 4.807 a 4.810,4 metros segundo este sistema. O Everest, en Nepal, tamén foi medido co sistema GPS. Oficialmente conta 8.848 metros, aínda que segundo iste outro proceso é un pouco máis baixo, 8.846,4 metros. Con todo, o Everest, que é a montaña máis alta do planeta, está dous quilómetros por detrás do Chimborazo en canto á distancia do centro terrestre (6.382). A Terra ten maior radio no ecuador que nos polos, o que xoga a favor do Chimborazo na súa disputa honorífica co Everest.
A celebración dos 280 anos da primeira misión xeodésica (traballo dos franceses Charles-Marie da Condamine, Louis Godin e Paul Bouguer, xunto aos españois Jorge Juan e Antonio de Ulloa, que foron enviados polo rei de España Felipe V) foi un pretexto para lembrar a historia común de Ecuador e Francia.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
0 comentarios