Blogia
vgomez

DESCOBREN DOUS PLANETAS ROCHOSOS SIMILARES Á TERRA

DESCOBREN DOUS PLANETAS ROCHOSOS SIMILARES Á TERRA

Descobren dous planetas rochosos similares á Tierra / Imaxe: Xornal El Mundo

Teñen o tamaño e a temperatura idóneos para albergar vida e atópanse a só 40 anos luz da Terra. Son os tres planetas máis parecidos ao noso e descubríronos o pasado mes de maio científicos do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) e da Universidade de Liexa (Bélxica), entre outros. A novidade é que agora sábese que dous deles son de natureza rochosa e que, ademais, as súas atmosferas non son grandes e difusas senón compactas e similares á da Terra. Estes achados, que publica a revista Nature, multiplican as posibilidades de que poidan ser habitables.

Dous “xemelgos” da Terra, por tanto, pero quizais non os únicos. "O telescopio Kepler detectou outros planetas que teñen o tamaño e a temperatura terrestres, pero están moi lonxe de nós para ser estudados en detalle", conta Julien de Wit, autor principal do estudo. Así as cousas, non se pode afirmar que estes dous sexan os planetas máis similares ao noso de cuantos coñécense.

Os candidatos a dobres da Terra forman parte do sistema estelar bautizado como TRAPPIST-1. A súa estrela é unha anana ultrafría, moito máis que o Sol, e emite radiación infravermella en lugar de luz visible. Aos investigadores da Universidade de Liexa ocorréuselles buscar planetas ao redor deste tipo de estrelas porque o seu sinal luminoso é máis débil que a doutras estrelas e non nos cega tanto como para que non podamos distinguir os corpos que as orbitan.

Para analizar con máis detalle o sistema TRAPPIST-1, os investigadores recorreron ao telescopio espacial Hubble da NASA e servíronse dun evento astronómico tan especial como pouco frecuente: un dobre tránsito. Este fenómeno prodúcese cando, desde o punto do observador, dous planetas pasan por diante da súa estrela case no mesmo instante. Iso fixo posible analizar as atmosferas deses dous planetas dunha soa ollada porque, ao atravesalas, a lonxitude de onda da luz que emite a súa estrela sofre cambios que se poden medir. Ao non observar grandes variacións nesa magnitude, conclúese que posúen atmosferas compactas, típicas dos planetas rochosos.

"Agora a cuestión é, que clase de atmosfera teñen?", pregúntase De Wit. Aínda que xa aventura algunhas opcións: "Os escenarios posibles inclúen algo parecido a Venus (onde a atmosfera está formada sobre todo por dióxido de carbono), unha similar á da Terra (con grandes nubes), ou incluso algo parecido a Marte (cunha atmosfera empobrecida)". Aínda non se sabe pero, para este investigador, aí está a maxia da ciencia: "Estamos constantemente en novos territorios; isto é pura exploración. É realmente emocionante porque está a pasar agora".

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

0 comentarios