A MENTE FOI AO FIN CARTOGRAFADA
O mapa de 180 módulos, incluidas as áreas visuais (azul), auditivas (vermello), e táctiles/motoras (verde). MATTHEW GLASSER/DAVID VAN ESSEN
Un século de neuroloxía demostrou que o córtex cerebral, a sede da mente humana, está dividido en áreas discretas, ou módulos especializados en distintas funcións. Pero todo o córtex ten unha anatomía tan parecida que cartografar eses módulos non resultou nada fácil, a pesar de intentos loables como o de Brodman, que xa en 1909 elaborou un mapa que aínda se segue utilizando como unha aproximación aceptable. Esta situación acaba de cambiar.
Os neurocientíficos Matthew Glasser, David Van Essen e os seus colegas da Universidade de Washington en Saint Louis, Missouri, en colaboración con investigadores de Oxford, Londres, Minneapolis e Nijmegen, Holanda, debuxaron un mapa do córtex que pode resultar definitivo, ou polo menos ten esa vocación. O seu segredo é que é “multimodal”: a diferenza dos anteriores intentos, como o de Brodman de 1909, o novo mapa usa tres criterios combinados “microarquitectura local, conectividade e función” e reúne información de 210 mozos saudables.
Cada hemisferio do córtex resultou ter exactamente 180 áreas corticales, das que 97 eran descoñecidas para a ciencia. O traballo, un verdadeiro tour de force neurolóxico, ten importantes implicacións para a neurociruxía, os estudos de desenvolvemento, envellecemento e enfermidades neurolóxicas, e permitirá unha investigación avanzada da evolución da mente humana a partir dos seus devanceiros primates. O mapa preséntase no artigo principal de Nature. A mente foi ao fin cartografada.
A estrutura modular do córtex (ou cortiza cerebral, a fina e engurrada capa máis externa do cerebro) empezouse a revelar fai máis dun século co mero estudo das lesións accidentais, e tamén dos tumores ou ictus localizados nunha ou outra zona. Os danos en certas partes da cabeza poden causar formas de cegueira, ou complexos defectos do procesamento das imaxes, e noutros lugares asócianse á percepción auditiva, o control dos músculos ou a coordinación dos movementos, a interpretación da linguaxe, a aptitude numérica, o razoamento lóxico ou o comportamento social e moral.
A alta calidade do novo mapa afecta a todas as rexións do córtex. As distintas áreas implicadas en procesar a información visual (V1, V2…), que funcionan como unha xerarquía onde a información que chega da retina vaise abstraendo progresivamente (ángulos, polígonos, poliedros,…) resultan agora tan evidentes como nun mapa político, e ademais poden considerar facilmente as diferenzas entre persoas, que son notables. Noutro exemplo espectacular, a nova cartografía identificou unha área da linguaxe que pasara inadvertida tras un século de investigacións neurolóxicas intensas.
Os autores esperan, con todo, que sexan as partes cerebrais peor definidas ata agora as que máis se beneficien do seu estudo. Isto inclúe o córtex prefrontal, a parte máis anterior do cerebro, que é a que máis creceu durante a evolución dos homínidos, e onde residen as funcións máis especificamente humanas: as altas funcións intelectuais, como o razoamento lóxico, o pensamento abstracto e a súa interacción permanente coas emocións. É aí onde a nitidez da nova cartografía permitirá avanzar máis a investigación nos próximos anos.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
0 comentarios