O ORGANISMO VIVO MÁIS GRANDE DO MUNDO ESTÁ A MORRER
Posidonia oceánica / Imaxe: proelcharter.com
O organismo vivo máis grande do mundo é unha planta de Posidonia oceánica de oito quilómetros de lonxitude. Leva aquí desde hai 100.000 anos, cando Europa estaba habitada por neandertales. Vive a unha media de 18 metros de profundidade, entre as illas de Eivissa e Formentera, e está a morrer. Se ninguén o remedia, iso sucederá en menos de dez anos. Con ela morrerá un dos maiores pulmóns de absorción de CO2 do mundo, e miles de especies do Mediterráneo occidental desaparecerán para sempre.
No ano 2006, os tentáculos deste organismo estendíanse por unha área de 700 quilómetros cadrados, na que vivían ata cen millóns de exemplares, convertidos na gardería dun milleiro de especies que levan séculos criando entre as súas follas aos seus alevíns, ou poñendo os seus ovos. Entre eles as esponxas, as estrelas de mar, moluscos, centenares de peixes, caballitos de mar, robalizas, morenas, douradas ou pargos. Entre 2008 e 2012, segundo un estudo realizado pola consultoría ambiental Oceansnell e o centro Vellmarí, nalgunhas áreas desaparecera ata un 44% da súa extensión e 300 millóns de plantas. Hoxe descoñécese canto sobrevive daquel descubrimento mundial realizado fai dez anos por científicos do CSIC, en colaboración coa Universidade de lles Illes Balears, e outras de Portugal, o Caribe e Estados Unidos, debido á permanente mutilación á que é sometida por un dos seus maiores inimigos: as embarcacións de recreo.
O que a 18 metros de profundidade é un bosque submarino capaz de xerar o seu propio ecosistema, na súa superficie é a autoestrada marítima máis poboada do Mediterráneo. Miles de embarcacións circulan a diario durante os meses de xullo e agosto entre Eivissa e Formentera para acudir, entre outros destinos paradisíacos, á praia de Illetes, en pleno Parque Natural de ses Salines, cualificada por diversos organismos como a mellor praia de Europa e a sétima do mundo. As súas áncoras, e as cadeas que as acompañan, traballan como escavadoras sobre o leito mariño, deforestando, no caso das grandes embarcacións de entre 40 e 100 metros, que portan áncoras de 200 quilos e cadeas de cen metros, áreas do tamaño de canchas de baloncesto.
Un estudo publicado en Nature apuntaba que as praderías podían producir anualmente pesca, materia orgánica, protección de costas, e outros bens por valor de 14.500 euros por hectárea e ano. E unha investigación do Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados (IMEDEA) e da Fundación BBVA apunta que as praderías submarinas do Mediterráneo absorben medio millón de toneladas de CO2 ao ano, e xeran entre catro e 20 litros de osíxeno diarios por metro cadrado.
Posidonia oceánica é, ademais, caprichosa no seu crecemento, apenas dous centímetros ao ano, e a súa produción de sementes é escasísima polo que a recuperación de calquera exemplar arrincado pola áncora dunha embarcación levaría séculos. Cando desapareza, os primeiros efectos serán que a auga perderá a cor turquesa e a transparencia que atrae a millóns de turistas, despois, parte das praias desaparecerán, xa que a pradería é a principal responsable de protexer a costa da erosión.
É por iso que Grupos Ecoloxistas, Cruz Vermella e decenas de voluntarios da illa de Eivissa iniciaron unha cruzada para afastar as embarcacións das praderías. A bordo de piraguas ou táboas de surf os voluntarios visitan as zonas máis concorridas da illa, e informan os capitáns do dano que están a causar, para que se despracen ata os areais.
Darémonos conta cando sexa tarde!
FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia
0 comentarios