Blogia
vgomez

OS CINCO LUGARES MÁIS RADIACTIVOS DA TERRA

OS CINCO LUGARES MÁIS RADIACTIVOS DA TERRA

Material radiactivo / Imaxe:altonivel.com.mx

Estes son os cinco lugares que posúen os maiores niveis de radioactividade do planeta e onde, a pesar de todo, a xente que vive alí mantén unha relativa boa saúde.

Guarapari (Brasil): As praias atlánticas que van desde Río de Xaneiro a Salvador de Baía, máis de 700 km, son radioactivas. A fonte é a monacita, un tipo de mineral fosfato que contén torio e é moi común nas montañas que alimentan de area as praias da zona. Na zona de Guarapari, entre Río e Baía, as lecturas son moi próximas ao límite permitido de exposición dos traballadores de plantas nucleares.

Ramsar (Irán): Esta cidade na costa sur do mar Caspio é famosa por ter os niveis de radiación natural máis altos do planeta, 80 veces superiores á media do planeta e un 60% superior aos máximos permitidos para os traballadores das empresas nucleares. Curiosamente os estudos realizados sobre as 2000 persoas que viven nas áreas de maior exposición mostran unha taxa de cancro de pulmón un pouco por baixo da media mundial, ao mesmo tempo que unha expresión significativamente maior do xene CD69 (responsable da produción de glóbulos brancos) e células NK (un tipo particular de linfocitos).

Mananciais de Paralana, Arkaroola (Australia): Localizados no Santuario Natural de Vida Salvaxe Arkaroola, na parte norte dos montes Flinders no sur de Australia, preto de Adelaida, caracterízanse por unha auga que desde fai mil millóns de anos leva circulando a través de rocas ricas en uranio. Encher alí a cantimplora non é algo que sexa moi recomendable...

Yangjiang (China): As xentes desta cidade que se atopa na provincia Guangdong, ao sur de China, constrúen as súas casas con ladrillos feitos de area e arxila. O problema é que nesa zona a area, do mesmo xeito que nas praias de Guarapari en Brasil, contén monacita que, incorporada ao morteiro e aos ladrillos, converte as paredes das casas en potentes fontes radioactivas de radio, radón e actinio. As xentes que viven alí reciben tres veces a radiación media mundial pero, como sucede noutros lugares similares, isto non se reflicte nunha maior incidencia de cancros. De feito, estudos realizados desde 1970 demostran que a mortalidade por cancro na poboación é mesmo menor que noutros lugares onde a radioactividade natural está dentro da media mundial.

Karunagappally (India): Karunagappally, un municipio no distrito Kollam de Kerala, no suroeste da India, estivo habitado desde tempos inmemoriais e na actualidade os seus habitantes superan os 600.000. A zona tamén se atopa con rocas que conteñen monacita o que provoca que os seus habitantes reciban máis de 12 veces a dose media de radiación. Pero tampouco se atopou unha maior incidencia de cancro entre os seus habitantes.

FONTE: MA. Sabadell/Revista Muy Interesante/Natureza

0 comentarios