SALVAR COA TECNOLOXÍA O DELTA DO RÍO OKAVANGO
Catro meses de expedición ao longo do río Okavango, desde as terras altas ao sur de Angola ata o deserto do Kalahari no corazón de África dentro do territorio de Botswana, dan para moito. Dan, por exemplo, para enfrontarse a mosquitos portadores de enfermidades, formigas carnívoras, abellas, escaravellos velenosos, arañas, un frío terrible e un sol abrasador. Tamén ao tifus, o cólera, a malaria, ósos rotos, cortes, queimaduras, deshidratación e unhas estrañas bacterias que devoran a carne das feridas. É o prezo que ten atoparse nun dos últimos espazos inexplorados do noso planeta. Un lugar que permaneceu practicamente igual durante miles de anos e onde poden acharse colonias salvaxes de elefantes, hipopótamos, búfalos, leóns ou leopardos, entre outras especies. Catro meses de percorrido dan tamén, como no caso de Steve Aboies, para namorarse profundamente deste lugar tan especial e dos Bayei, os habitantes do delta do río, xentes capaces de sobrevivir nunhas condicións durísimas afastadas do que os occidentais consideramos civilización.
Aboies é un biólogo e explorador do National Geographic que, á súa maneira, segue a tradición dos grandes expedicionarios africanos do século XIX. Algo así como unha versión moderna dun Richard Burton ou un David Livingston. Do mesmo xeito que a eles guíalle un desexo febril de coñecer lugares nunca antes descubertos e a profunda convicción de que é necesario respectalos e preservalos para que non desaparezan. No caso de Aboies, o seu traballo axudou para que o delta do río Okavango fose declarado patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e as súas viaxes permitiron coñecer mellor este estraño río que non desemboca no mar, posto que as súas augas desaparecen evaporadas pola calor do deserto do Kalahari, constituíndo por este motivo un ecosistema único no mundo.
O proxecto Okavango Wilderness, liderado por Aboies, ten o obxectivo de protexer de forma eficaz a riqueza dun lugar inigualable. Para iso é importante coñecer en profundidade as súas concas hidrográficas e a diversidade do seu ecosistema. Desde o 2011 realízanse expedicións anuais que recompilan datos sobre insectos, peces, aves, réptiles e mamíferos da zona, ademais de realizar avaliacións periódicas da calidade da auga e os cambios que se producen na paisaxe. Esta fabulosa base de datos compártese a través da web Into the Okavango, onde tamén se puido seguir en directo unha expedición de 18 días e 345 quilómetros, na que científicos e exploradores auspiciados polo National Geographic publicaron imaxes e audios, recolleron información dos movementos dos animais e mediron variables como a temperatura do lugar, o caudal ou os niveis de PH da auga. Todos os datos están postos, ademais, a disposición de calquera que desexe estudar o Okavango e sacar conclusións da información achegada polos expedicionarios.
A forma en que Steve Aboies entende a conservación das zonas salvaxes vai máis aló do puro interese científico. A súa é unha mirada humanista, que busca mellorar o planeta en que vivimos a través do respecto ao medio ambiente e a aprendizaxe mutua que se propicia grazas ao contacto con outros seres humanos: "a xente que vive alí é a máis fermosa que xamais me atopei. Viven nunha contorna salvaxe, sen vacinas nin coidados médicos. Así que teñen que decidir como sobrevivir e a forma que teñen de facelo é a de ser pacíficos, traballar en comunidade e amar aos seus veciños. Saben que se a miña colleita fracasa, non hai supermercados, entón é o meu veciño quen ten que coidar de min. Por iso temos que ser os mellores amigos. E iso foi o que nos transmitiron. Cando chegamos alí abríronse, nunca pediron nada, só tiñan cousas que ofrecer porque querían que fósemos amigos. Non se trata de temor, trátase de amor".
FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El país
1 comentario
paideleo -