O PLANETA ENTRA EN NÚMEROS VERMELLOS
O pasado mércores, 2 de agosto, a humanidade esgotaría todos os recursos que a natureza pode rexenerar este ano. Foi o Día da Sobrecapacidade da Terra (Earth Overshoot Day), unha data que non deixou de adiantarse desde 1970: en 2016 foi o 8 de agosto. Xa vivimos coma se tivésemos 1,7 planetas á nosa disposición, o que supón, basicamente, que estamos a vivir á conta dos recursos naturais das futuras xeracións. Ata cando poderemos seguir forzando os límites do planeta?
En menos de 8 meses utilizamos máis recursos naturais dos que o planeta pode producir en 12 meses. Esgotamos o orzamento ecolóxico da Terra e, durante o resto de 2017, estaremos a vivir á conta dos recursos das futuras xeracións.
O prezo deste déficit ecolóxico é cada vez máis evidente: ten forma de deforestación, de secas prolongadas, de erosión do chan, de esgotamento das pesqueiras, de perda de biodiversidade, de contaminación dos océanos e, especialmente, de cambio climático. O 60% da pegada ecolóxica da humanidade débese ao carbono que ten que absorber a atmosfera polas nosas emisións.
FONTE: wwf.es
0 comentarios