A TECNOLOXÍA APLICADA AO DEPORTE
A historia é ben coñecida, aínda que moi probablemente pouco fiable en gran parte. A lenda conta que Filípides correu os quilómetros que separan Maratón de Atenas para anunciar a vitoria dos gregos sobre os persas no 490 a. C. Esta fazaña do corredor grego foi recollida por Heródoto e Plutarco entre outros, aínda que as súas versións varían tanto no nome do mensaxeiro como na distancia percorrida e os motivos da súa carreira. Con todo, os 2.500 anos que pasaron desde entón dan para que calase o suficiente no imaxinario, como para que xa non sexa importante o que ocorreu en realidade. Porque, ao final, como aseguraba John Ford no Home que matou a Liberty Valance, sempre hai que “imprimir a lenda”. E talvez foi iso o que pensou Michel Bréal cando suxeriu a Pierre de Coubertin que incluíse unha proba homenaxe dentro dos primeiros Xogos Olímpicos modernos celebrados en Atenas en 1896.
As historias que rodean á maratón son un estraño caso no que o documentado, o real, resulta case tan fascinante e incrible como o inventado. Empezando pola súa distancia, eses 42.195 metros que foron establecidos nos Xogos Olímpicos de Londres en 1908 por un motivo ben peculiar: a carreira orixinal de 40 quilómetros alongouse para que a saída puidese verse desde o balcón do palacio de Windsor. Cousas da monarquía, que remata convertendo involuntariamente un capricho nunha norma. Desde entón houbo de todo: atletas exhaustos que morren despois de cruzar a meta, tramposos que burlan a adversarias e xuíces facendo parte do percorrido en autobús, corredoras que dan a luz poucas horas despois de terminar a carreira, ou figuras lendarias como o etíope Abebe Bikila, capaz de bater récords e gañar medallas olímpicas correndo cos pés descalzos.
Bikila forma parte dun pequeno panteón de corredores, aqueles que ostentaron nalgún momento o récord do mundo na maratón. El, que o fixo en dúas ocasións (en 1960 e 1964-, xamais soñase que fose posible achegarse ao rexistro actual, as 2:02:57 do kenyano Dennis Kipruto Kimetto. E, con todo, hai quen cre que a mítica barreira das dúas horas, un límite que algúns expertos consideran inalcanzable, pode romper moi pronto coa axuda das novas tecnoloxías.
Un destes crentes é Yanis Pitsiladis, científico da universidade de Brighton no Reino Unido, quen xunto a un dos grandes maratonianos da historia, Haile Gebrselassie, puxo en marcha en 2014 o proxecto Sub2 que define como “un legado” debido a que “o seu obxectivo é facer algo que moitos científicos, o público e os medios de comunicación pensan que é imposible”. Para alcanzalo Pitsiladis conta cun aliado que ata agora non entrara na ecuación: as novas tecnoloxías. “Non podemos cambiar o noso deseño”, asegura referíndose á fisioloxía humana, “pero podemos cambiar o mundo”. Parte fundamental dese cambio que pretende revolucionar as marcas atléticas é o Vodafone Smartwatch Sub2, un reloxo intelixente desenvolvido especificamente para este reto, que forma parte dunha plataforma dixital capaz de recoller todos os datos do corredor e o seu ambiente para saber que experimenta o seu corpo nunha carreira. A frecuencia cardíaca, a temperatura corporal, a humidade do aire, as condicións do asfalto, a distancia percorrida, a velocidade media… son rexistradas e analizadas para despois planificar xunto aos atletas desde o tipo de calzado que deben usar ata a dieta ou a frecuencia de zancada que necesitan. Para desenvolver o Vodafone Sub2, os enxeñeiros apoiáronse na experiencia en telemetría do equipo de F1 McLaren, ata alcanzar unha precisión que Yago Tenorio, o seu creador e Head of Network Strategy de Vodafone, describe como absoluta: “conseguimos un reloxo que dá erro cero”. Pitsiladis pensa que grazas a esta tecnoloxía será posible correr en menos de dúas horas a maratón, unha fazaña que cada vez ve máis preto porque “a barreira máis importante é crer”.
FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País
0 comentarios