Blogia
vgomez

CANTOS SERES VIVOS, NON HUMANOS, TEMOS NO NOSO CORPO?

Un grupo de bacterias.

Un grupo de bacterias / UNIVERSIDADE DE TORONTO/elpais.com

No noso corpo hai moitísimos seres vivos. Nun corpo humano habitan infinidade de microorganismos, é ao que chamamos microbiota. Nos nosos organismos hai  microbiota en partes moi diferentes: o aparello dixestivo, a pel, a cavidade oral, os ollos, o aparello urinario e, no caso das mulleres, a  vaxina. Hai  microbiota ao longo de todo o corpo humano. Poderiamos dicir que os humanos estamos totalmente  okupados.

Para entender o que é a  microbiota é importante coñecer outro concepto moi próximo, o que chamamos microbioma humano e que é o conxunto de microorganismos pero tamén a relación que hai entre eles e co hospedador, que somos nós. É un concepto máis ecolóxico. Poderiamos dicir que o  microbioma é un ecosistema no corpo humano.

Outra cousa que hai que aclarar é que a microbiota está composta por bacterias, virus, fungos e  protozoos pero como o número de bacterias é moi superior ao dos outros microorganismos e as bacterias da  microbiota foron moito máis estudadas que o resto, en ocasións pode parecer que só está formada por bacterias cando non é así.

Pero cale é o número deles? Sobre a cifra de virus, fungos e  protozoos o único que se pode dicir é que non o sabemos. Non sabemos cantos de cada un deles hai nun organismo humano porque están aínda pouco estudados. Mesmo no caso das bacterias, moito máis investigadas, aínda non sabemos realmente cantas hai. Aínda que unha recente controversia dános a mellor pista.

Ata hai pouco tempo críase que o número de bacterias dun organismo humano comparado co das células dese mesmo corpo estaba nunha relación de dez a un, é dicir, dez bacterias por cada célula. Pero no ano 2016 publicouse un artigo que revisaba esas cifras que arrastrabamos desde os anos setenta do século pasado. A nova avaliación di que a proporción de bacterias con respecto ás células é de aproximadamente una a unha, é dicir, que os humanos temos case o mesmo número de células que de bacterias nos nosos organismos. Calculouse que o número de bacterias é 3.8 x 1013 (que son 380 billóns) e o número de células é 3 x 1013 (que son 300 billóns). Estes cálculos están referidos a un home de entre vinte e trinta anos e de setenta quilos de pesos. No caso das mulleres, a relación é un pouco maior, temos un número algo maior de bacterias que de células humanas.

Pero o importante non é tanto o número que haxa senón a interacción que existe entre as bacterias e o corpo humano. O lugar do organismo onde está o número máis elevado de bacterias é o intestino, e principalmente o colon. Estas bacterias evolucionaron xunto á especie humana, fóronse adaptando aos diferentes tipos de alimentación e estilos de vida e estableceron unha relación  simbiótica. Esta é a clave, que os microorganismos que viven nos nosos organismos teñen un papel no seu funcionamento. Na dixestión, por exemplo, as bacterias teñen un papel crucial á hora de descompoñer a fibra dietética e tamén producen vitaminas e interveñen no metabolismo dos  aminoácidos e o de graxas. Pero ademais están implicadas na modulación e o desenvolvemento do sistema  inmunitario.

Outro aspecto  interesantísimo da  microbiota é a súa composición que está afectada por factores moi diversos. Algúns son internos como a propia xenética do individuo pero tamén inflúen moito outros aspectos como a dieta ou a idade. Os nenos nacen cun tipo de comunidade  bacteriana pero aos poucos van adquirindo a  microbiota adulta que cambia de novo cando se chega á terceira idade. Esa composición, que é unha das grandes áreas de estudo actuais, ten efectos no sistema  inmunitario, por exemplo nos mecanismos de inflamación, é dicir, no estado de saúde das persoas.

Algunhas investigacións que se fixeron en ratos libres de microorganismos (sen  microbiota intestinal) descubriron un desenvolvemento inadecuado do sistema  inmunitario o que, loxicamente, provoca  gravísimos problemas.

Polo que respecta aos virus que nos habitan, aínda non están claras as súas funcións. Si temos algo máis de información sobre os fungos que compoñen a  microbiota que parece que tamén poderían ter relación co estado de saúde.

En calquera caso, o estudo da  microbiota está nos seus inicios e é unha das grandes áreas de investigación en saúde pública polo que é seguro que nos próximos anos asistiremos a continuos descubrimentos sobre ela.

FONTE: Mª José Gosalbes/elpais.es/ciencia

0 comentarios