CAMBIO DE HORA
Ás tres da madrugada volverán a ser as dúas / Imaxe: definanzas.com
Na próxima madrugada, xa domingo 28, enfrontámonos por segunda vez este ano ao polémico cambio de hora. Nesta ocasión, ás 3 da madrugada volverán ser as 2, sumando unha hora extra de sono.
A culpa tena a directiva comunitaria 2000/84/CE, pola que a última fin de semana de outubro atrasamos unha hora o reloxo para pasar ao horario de inverno, e a última fin de semana de marzo adiantamos unha hora para pasar ao de verán.
A idea é adaptar os nosos horarios á luz natural e lograr así un aforro enerxético, iso é o que di a teoría, xa que si, temos máis luz pola mañá, pero a cambio temos menos luz ao saír de traballar. De feito, os estudos consultados pola Comisión Europea indican que o aforro de enerxía é marxinal, entre o 0,5 e o 2,5%. A iso hai que sumar, ademais, o seu impacto nos biorritmos humanos (en forma de cansazo ou falta de concentración) durante os días posteriores ao cambio de hora.
O asunto do cambio de hora sempre moi polémico, levando este verán a Bruxelas a propoñer a supresión do cambio de hora no conxunto da UE. O anuncio fíxose despois de que unha inmensa maioría de europeos afirmase nunha enquisa a través de Internet que estaba a favor de suprimir o cambio horario: un 84% dos votantes mostrouse partidario de contar cun horario fixo. Apenas dúas semanas despois, a Comisión Europea anunciaba que quere que o último cambio horario obrigatorio sexa a finais de marzo de 2019. E os estados membros que queiran volver á hora de inverno poderían facer un último cambio de hora o domingo 27 de outubro de 2019. A partir de aí, o horario permanecería invariable para todos.
España terá que dicidir, no seu momento, con que horario se queda, pero iso non toca hoxe.
0 comentarios