SER UN BO PROFESOR
De neno nunca pensou en dedicarse á educación: “As nosas vidas son un proceso constante de decisións creativas e improvisación. Así que cando ía ao colexio, non tiña nin idea do que quería facer”. Hoxe, este educador, escritor e comunicador, é unha referencia pedagóxica mundial. Ken Robinson considera necesaria unha profunda transformación do actual sistema educativo e valora como decisivo o papel dos mestres. Asegura que “é difícil esaxerar a importancia dos profesores na túa vida” e engade: “é unha profesión con moitas dimensións, un dos traballos máis esixentes que unha persoa poida ter”. Contrario aos exames e á xerarquía das materias, defende a creatividade como unha das habilidades máis importantes que a escola debe fomentar nos nenos: “é a esencia do que significa ser humano”, afirma. Ken Robinson é profesor emérito da Universidade de Warwick, Reino Unido, na que durante doce anos impartiu educación artística. Liderou proxectos nacionais e internacionais sobre creatividade e cultura en Europa, Asia e Estados Unidos. A súa famosa conferencia “As escolas matan a creatividade?”, é a charla educativa máis vista na internet. As súas achegas á educación e as artes valéronlle multitude de premios e recoñecementos. Entre eles, o nomeamento como Caballero do Imperio Británico pola Raíña Isabel II. Sir Ken Robinson é autor de máis dunha decena de libros. O seu éxito de vendas “O Elemento”, é unha obra traducida a máis de vinte idiomas na que sostén: “É imposible adiviñar como viviremos no futuro. O único que sabemos é que fará falta moita imaxinación e creatividade para transformarnos e enfrontarnos aos novos retos”. No seu último libro, “Ti, o teu fillo e a escola”, reflexiona sobre como os pais poden apoiar aos seus fillos durante o percorrido escolar.
0 comentarios