ESTRELAS DE CRISTAL
A ilustración amosa unha anana branca en pleno proceso de cristalización / University of Warwick/Mark Garlick
Un equipo de investigadores do Departamento de Física da Universidade británica de Warwick conseguiu, por primeira vez, a evidencia directa dunha «estrela cristalizada», isto é, que pasou do estado gaseoso ou líquido ao sólido. Nun artigo publicado esta mesma semana en Nature, o equipo investigador afirma que o seu achado non se trata dun caso único ou illado, senón que, literalmente, o ceo debe de estar repleto de estrelas similares.
Numerosas observacións anteriores xa revelaran que un tipo concreto de «cadáveres estelares», as ananas brancas, posúen núcleos moi ricos en osíxeno e carbono, debido a unha transición de fase moi similar á da auga que se converte en xeo, aínda que a temperaturas moito máis altas.
Unha anana branca é o que queda dunha estrela similar ao Sol cando esgotou todo o seu combustible nuclear. Calcúlase que máis do 95% das estrelas coñecidas, o noso Sol entre elas, pasarán por esta fase de evolución estelar. As ananas brancas están entre os obxectos estelares máis antigos de todo o Universo, e resultan incriblemente útiles para os astrónomos, xa que o seu predicible ciclo de vida permite utilizalas como auténticos «reloxos cósmicos» a partir dos que estimar a idade dos grupos de estrelas veciñas cun alto grao de precisión.
Unha anana branca é, pois, o denso núcleo sobrevivente dunha estrela xigante vermella (outra das fases polas que pasan as estrelas como o Sol) despois da súa morte, unha especie de «rescoldo estelar» que se vai arrefriando aos poucos ao longo de miles de millóns de anos.
Para o seu traballo, os investigadores seleccionaron 15.000 candidatas a ser ananas brancas a distancias de ata 300 anos luz da Terra. A selección levou a cabo a partir dos datos e observacións do satélite europeo Gaia e das estrelas elixidas analizáronse todos os datos de cor e luminosidade dispoñibles.
Desta forma, o equipo investigador deuse conta de que había unha acumulación excesiva de estrelas con cores e luminosidade específicos que non correspondían a unha única masa ou idade cando se comparaban cos modelos evolutivos de estrelas. O cal significaba que esas estrelas atoparan un modo de retardar o seu proceso de arrefriado e, por tanto, o seu envellecemento. Os científicos estimaron que, nalgúns dos casos estudados, as estrelas diminuíran o seu envellecemento ata en 2.000 millóns de anos, o 15% da idade da nosa galaxia.
A cristalización é o proceso mediante o cal un gas ou un líquido pasa a ter un estado sólido, cos seus átomos formando unha estrutura ordenada. Baixo as presións extremas que se dan nos núcleos das ananas brancas, os átomos « empaquétanse» con tal densidade que os seus electróns vólvense libres, formando unha sorte de «gas de electróns» gobernado pola física cuántica, e unha serie de núcleos cargados positivamente e en forma de fluído. Cando o núcleo arrefríase ata uns 10 millóns de graos, liberouse xa suficiente enerxía para que o fluído comece a solidificarse, formando un núcleo metálico no seu corazón cun manto en carbono cristalizado.
FONTE: José Manuel Nieves/abc.es/ciencia
0 comentarios