Blogia
vgomez

GUÍA DOS ELEMENTOS QUÍMICOS. HISTORIA, PROPIEDADES E APLICACIÓNS

Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións / Imaxe: todocoleccion.net

A "Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións" que acaba de editar a Real Academia Galega (RAG) é unha obra divulgativa que, de xeito ameno e rigoroso, afonda na orixe e nos nomes das pezas que compoñen esta base sobre a que se constrúe a linguaxe da química. O volume ve a luz coincidindo coa celebración do Ano Internacional do Sistema Periódico, declarado pola ONU para conmemorar os 150 anos da presentación por parte do químico ruso Dimitri Mendeleev, o 6 de marzo de 1869, da súa táboa periódica. Naquela primeira versión constaba de 63 elementos; hoxe son 118.

En efecto, último elemento oficial é o 118, o oganesson, o de maior peso atómico sintetizado, que debe o seu nome ao físico nuclear ruso Yuri Oganessian. O libro incorpora a súa denominación xunto ás dos outros últimos descubertos, o nihonio, o moscovio, e o ténnesso, aprobadas recentemente pola Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC). Pecha a obra o unennio, nome provisional dun elemento ata o momento non sintetizado, aínda que Manuel Rafael Bermejo Patiño, Ana González Noya e Marcelino Maneiro Maneiro, profesores de química inorgánica da Universidade de Santiago e autores da guía, amosáronse convencidos que non será o derradeiro: "Non dubidamos que, como predixo Mendeleev, a táboa periódica rexistre novas incorporacións".

Alén do aspecto lingüístico, a guía é "unha obra fundamental para o profesorado universitario de Química, de Bioloxía e de Farmacia, para o relacionado con estas materias nos outros niveis de ensino, para os profesionais da industria química e farmacéutica, xornalistas especializados e mediadores da comunicación ou tradutores. Pero tamén é atractiva para calquera persoa, porque pode ser lida como un relato, dá información pero que tamén esperta o interese do lector e divirte", valora o académico e coordinador do Servizo de Terminoloxía Galega (Termigal) Manuel González.

A obra visibiliza ademais voces protagonistas da química, entre elas mulleres de grande importancia na historia do coñecemento. É o caso de Ida Eva Tacke, codescubridora do renio; Marguerite Perey, descubridora do francio; ou Lise Meitner, codescubridora do protactinio e lembrada co nome dado a outro elemento, o meitnerio. Todos os elementos químicos coñecidos son descritos neste volume que afonda no seu aspecto, a historia, o comportamento, utilidade e posible perigosidade, ademais da orixe.

FONTE: Elena Docampos/farodevigo.es

0 comentarios