MÁQUINAS INTELIXENTES PARA SALVAR O PLANETA
En 2015 Elon Musk e Steve Wozniak, entre outros 8.000 científicos e líderes tecnolóxicos, asinaron unha carta aberta na que alertaban dos perigos da intelixencia artificial. Un toque de atención sobre a posibilidade de que as máquinas resultasen prexudiciais para os nosos intereses como especie, que compartía o físico británico Stephen Hawking cando aseguraba que a intelixencia artificial podía ser “o mellor ou o peor que lle suceda á raza humana”. Con todo, gústenos máis ou menos, parece que o futuro pasa obrigatoriamente por unha convivencia con máquinas responsables de facer parte do traballo. Incluso unha parte importante do mesmo, non só as tarefas mecánicas e repetitivas ás que non nos custa traballo destinalas.
Un artigo publicado na web do Foro Económico Mundial aseguraba que vivimos un momento histórico na intelixencia artificial grazas ao big data, os avances en hardware, uns algoritmos cada vez máis potentes e unha comunidade de desenvolvedores de código aberto que reducen as barreiras para entrar no industria da tecnoloxía. Estas condicións, aseguraba o artigo, propiciaban oito campos nos que a intelixencia artificial podía axudar a salvar o noso planeta: os vehículos eléctricos e autónomos, as novas redes enerxéticas, a agricultura intelixente, mellores predicións climáticas, as respostas ante os desastres naturais, as cidades conectadas e sustentables, a transparencia dixital e o desenvolvemento científico.
Obviamente, coa inclusión da intelixencia artificial na ecuación ambiental, non se está forzando unha actualización futurista do “que inventen eles” de Unamuno. Non son as máquinas as que van resolver os problemas creados polos humanos, senón que seremos nós os que as dirixiremos cara a iso. De feito, xa hai varias iniciativas e propostas encamiñadas nesta dirección. Unha delas é a que dirixe Lucas Joppa en Microsoft: “estamos ante unha magnífica oportunidade para as nosas ferramentas e tecnoloxías máis sofisticadas e encamiñalas á resolución dalgúns dos retos ambientais que enfrontamos na actualidade”. Joppa é o responsable de Medio Ambiente na compañía de Redmond e director do proxecto IA para a Terra, un compromiso de cinco anos e 50 millóns de dólares no que Microsoft quere despregar as súas investigacións dentro da intelixencia artificial, aplicadas a catro áreas específicas: a agricultura, auga, biodiversidade e cambio climático.
O programa de Microsoft ofrece subvencións e acceso aos potentes recursos tecnolóxicos e de computación da compañía para proxectos que buscan cambiar os modelos de xestión e explotación actuais. Joppa cre que os gobernos xogan un papel crítico nas solucións e iniciativas respecto ao cambio climático, pero considera que as empresas non poden quedar atrás e deben asumir un rol máis protagónico: “as compañías non necesitan aos gobernos para pasar á acción. Podemos saír aí fóra e tomar decisións por nós mesmos. Podemos fixar a axenda que queremos ver. Se observas o éxito do sector tecnolóxico, verás que existe unha enorme oportunidade para que axudemos a acelerar a axenda global da sustentabilidade do planeta”.
FONTE: José L. Álvarez Cedena/elpais.com
0 comentarios