Blogia
vgomez

A TEMPERATURA NAS CIDADES ESPAÑOLAS SUBÍU O DOBRE QUE A MEDIA MUNDIAL EN 50 ANOS

Aumento das temperaturas. Variación entre o lustro 1988-1992 e o último (2014-2018)

As temperaturas nas cidades españolas non deixaron de subir nas últimas décadas. Nos 30 anos máis recentes, a temperatura media das capitais de provincia elevouse practicamente un grao. E alí onde os datos permiten remontarse máis atrás, como Barcelona, Alacante, Madrid e unha trintena de cidades máis, o incremento é aínda maior, por encima dos 2 graos centígrados. Tales subidas son superiores ás do resto do país e dobran as sufridas polo planeta no seu conxunto. E aínda que a subida non é homoxénea (hai cidades que sofren máis o cambio climático e que, previsiblemente, sufrirano máis no futuro, e outras, como Salamanca, onde mesmo as temperaturas baixaron) é indubidable que a era do cambio climático urbano está aquí.

Se se observa o mapa de España pódese ver que o quecemento urbano é maior na porción mediterránea do país. Deixando ao carón Ourense, coa súa particular topografía, no fondo da depresión do río Miño, a decena de cidades onde máis subiu a temperatura está na parte este e sur do país.

Nas cidades españolas, como no resto de cidades do mundo, o papel das augas escuras interprétano o cemento e o asfalto. En xeral, os materiais cos que están feitas as urbes teñen unha maior calor específica que o chan rural ou a cuberta vexetal. Pero hai outras causas que explicarían por que as cidades quéntanse máis. A mesma pavimentación diminúe a evaporación e as canalizacións e rede de sumidoiros reducen aínda máis a capacidade de  transpiración urbana. Ademais, a xeometría urbana atrapa maior radiación solar e frea os ventos que puidesen refrescar o ambiente. Tampouco a contaminación axuda a disipar a calor acumulada, do mesmo xeito que a menor porción de ceo nocturno visible. Pero é que ademais, a cidade xera a súa propia calor. A esta chegan grandes cantidades de enerxía en forma de electricidade ou combustibles, unha enerxía que libera calor ao usala. Todo isto explica por que as cidades teñen un extra de temperatura e o fenómeno ten un nome: efecto illa de calor urbana.

Todos os informes e estudos indican que, se non se reducen drasticamente as emisións de CO2, o quecemento global seguirá en aumento. Hai estimacións que sitúan a subida media global en ata 5º. E as cidades? A clave é a poboación: "Se a cidade non medra, e as cidades españolas non o están facendo, non aumentará a intensidade da illa de calor. Pero é evidente que, ao aumentar por igual as temperaturas no campo e a cidade, os que viven nos centros urbanos experimentarán temperaturas máis extremas", comenta Javier Martín Vide, catedrático de Xeografía Física da Universidade de Barcelona, que leva décadas estudando iste fenómeno.

FONTE: Miguel A. Criado e Daniele Grasso/Materia/elpais.com

0 comentarios