Blogia
vgomez

RAÑACEOS DE MADEIRA

 

 O edificio Mjøstårnet con estrutura de madeira, na cidade de Brumunddal (Noruega)
 

O mundo disputa unha carreira por construír o edificio de madeira máis alto. Estes rañaceos sen formigón nin aceiro buscan espertar conciencias. E, sobre todo, ser pioneiros en  desdiebuxar os límites da madeira como material de construción. Noruega é un dos países que máis lonxe e máis alto levaron esta encomenda. A cidade de Brumunddal, a 150 quilómetros de Oslo, alberga o rañaceos de madeira máis alto do mundo. Mjøstårnet, que comezou a construírse en abril de 2017 e foi inaugurado a semana pasada, é un edificio de 85,4 metros de altura que evidencia que é posible construír ao alto con materiais sustentables. O investidor noruegués Arthur Buchardt é o promotor deste ambicioso símbolo verde. Ten 18 pisos e alberga un hotel, apartamentos, oficinas, un restaurante e áreas comúns.

 Á marxe da altura, o certo é que o cambio climático e os acordos internacionais sobre o clima están a potenciar o uso de materiais respectuosos co medio ambiente.  Non se trata só de construír casas de madeira. Require moita menos enerxía no proceso de transformación que o aceiro ou o formigón. As emisións de CO2 pola fabricación da estrutura de madeira son cinco veces máis baixas que se se realizan en formigón, e oito que en aceiro. A enerxía para producir unha viga de madeira laminada é unha sexta parte da requirida para unha de aceiro de resistencia comparable.

Unha vez construído o edificio, a madeira contribúe ao aforro de enerxía polas súas calidades como illante térmico. Considérase que unha parede de madeira illa 15 veces máis que un muro de formigón. Ao final, pódese aforrar ata un 90% de enerxía respecto a un edificio convencional.

Agora ben, moi ao contrario do que pode parecer, o custo de construción con madeira é máis caro que con formigón, pero os aforros enerxéticos conseguen amortizar o investimento nun prazo de oito a dez anos

FONTE: Sandra López Letón/elpais.com

0 comentarios