É O MESMO DICIR GRAN BRETAÑA, REINO UNIDO OU INGLATERRA?
Gran Bretaña, Reino Unido e Inglaterra / Imaxe: nessie.es
Ao falar de Gran Bretaña, Reino Unido ou Inglaterra, pénsase case de maneira automática nese conxunto de illas situado ao noroeste de Europa e separado de Francia pola Canle da Mancha. Na linguaxe popular, é corrente utilizar estas tres denominacións de maneira indiferenciada para referirse ao país habitado polos británicos, pero nada máis lonxe da realidade. Esta tendencia de considerar os tres nomes como sinónimos é un erro moi estendido no que palabras que designan elementos claramente diferenciados intercámbianse as unhas coas outras.
En primeiro lugar, o nome de Gran Bretaña fai alusión a unha unidade xeográfica. Britania (coñecida tamén como Albión) era o territorio ocupado polos britanos, un pobo descendente dos celtas que ocupou gran parte da illa e que fixo fronte ás invasións romanas do 43 a. C. Actualmente, Gran Bretaña refírese á illa de maior tamaño do arquipélago británico, situada entre o continente europeo, ao leste e sur, e Irlanda ao oeste. O conxunto de todas as illas que conforman o arquipélago é denominado como as Illas Británicas.
Se, pola contra, falamos de Reino Unido, este termo define unha unidade política que constitúe un estado integrado por Gran Bretaña e Irlanda do Norte. En 1921, tras a Guerra de Independencia Irlandesa e a Guerra Civil, creouse o Estado libre de Irlanda, que convertía a toda a illa esmeralda nun estado independente. Tras a reintegración de Irlanda do Norte en Reino Unido, a unidade política establecida xuntaba a Inglaterra, Escocia, País de Gales e Irlanda do Norte baixo una mesma asociación de estados. A República de Irlanda é a única rexión de todas as illas que non forma parte desta unión.
Por último, adóitase falar de Inglaterra para facer referencia á totalidade das illas ou como equivalente a calquera dos dous termos que xa definimos. Isto pode deberse a que Londres, capital de Reino Unido, atópase en Inglaterra e a que, no pasado leste foi o territorio que dominou aos outros e estendeu os seus dominios alén do mar. Pero, na actualidade, Inglaterra refírese a unha das rexións que conforman Gran Bretaña, limitando con Escocia ao norte e con Gales ao oeste. Trátase da zona de máis extensión da illa e na que se atopan algunhas das cidades máis importantes das illas como Manchester, Liverpool ou Birmingham.
Poida que esta última sexa a peor das tres confusións, xa que nas outras zonas que forman Reino Unido, como Escocia, posúen un forte sentimento nacionalista e un profundo respecto polo seu legado, a súa cultura e as súas tradicións. Iso fai que se se lles confunde con ingleses, poidan interpretalo como algo negativo e mesmo ofensivo.
FONTE: Daniel Delgado/muyinteresante.es/cultura
0 comentarios