Blogia
vgomez

ATOPADA VIDA NO LUGAR MÁIS INFERNAL DA TERRA

Chemineas termais de Dallol (Etiopía) / Imaxe: Felipe Gómez

Un equipo de científicos atopou vida nun dos desertos máis hostís da Terra, a depresión do Danakil, en Etiopía. Neste antigo fondo mariño, algunhas de cuxas zonas están a 150 metros por baixo do nivel do mar, acádanse temperaturas duns 50 graos centígrados. A codia terrestre é neste punto extremadamente delgada, apenas 15 quilómetros, e baixo ela atópase unha enorme piscina de lava ardente. A auga do mar cóase polo subsolo e produce unha espectacular paisaxe de piscinas e chemineas termais de auga que brota a máis de 100 graos e tingue a terra con cores espectaculares debido aos minerais e metais presentes no terreo.

É o lugar máis extremo que atopei na Terra”, explica Felipe Gómez, investigador do Centro de Astrobioloxía (Madrid) e autor principal do descubrimento, que publicou a revista Scientific Reports. “Non só é o máis caloroso que se coñece, senón tamén o máis ácido, tanto que está por baixo de cero, fóra da escala”, resalta.

Desde 2015 o equipo de Gómez estivo investigando as surxencias hidrotermais de  Dallol, nunha zona do sur de Etiopía veciña conSomalia e Xibutí onde non vive ninguén e onde ninguén pensara atopar o menor rastro de vida.

Os investigadores analizaron as paredes das chemineas dos géiseres. En 2017 descubriron unhas estruturas esféricas extremadamente pequenas ao redor das que se formou unha especie de caparazón de minerais. Os científicos realizaron análises moleculares para determinar se había ADN activo nas mostras (un indicador de actividade biolóxica) e podían atribuílo a algunha especie. “Atopamos polo menos dúas especies de bacterias e  arqueas probablemente novas”, explica Gómez. “Unha delas pertence ao grupo das nanohaloarqueas. Trátase de organismos esféricos duns 50 nanómetros, tres veces máis pequenos que outras bacterias. Recúbrense de minerais e acaban recubertos por unha capa de minerais coma se estivesen fosilizadas”, describe Gómez.

É a primeira vez que se atopa vida en Dallol, aínda que outros equipos buscárana antes. O achado ten grandes implicacións para a procura de vida noutros planetas. “Este lugar é moi parecido a Marte na súa orixe, hai miles de millóns de anos, e tamén á Terra cando se estaba arrefriando o océano de lava que a recubría”, sinala o investigador. Unha das teorías máis plausibles sobre a orixe da vida na Terra é que tivese lugar en chemineas hidrotermais, neste caso submarinas, en cuxo interior se poderían comezar a  ensamblar primeiro o ADN e logo as membranas protectoras para dar lugar aos primeiros seres vivos. “O achado vai axudar a buscar vida en Marte”, asegura Gómez, que forma parte do equipo científico das misións de exploración marciana da NASA que lanzaron o Curiosity, así como do novo vehículo que a axencia despregará no planeta en 2020.

FONTE: Nuño Domínguez/elpaís.com/ciencia

0 comentarios