LETRAS GALEGAS 2020
Carvalho Calero / Imaxe: galiciaartabradigital.com
O Pleno da Real Ademia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria celebrada o pasado sábado, homenaxear o 17 de maio de 2020, Día das Letras galegas, a Ricardo Carballo Calero, cadrando cos 110 anos do seu nacemento e os 30 anos do seu pasamento.
Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), dende o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como Carvalho Calero. O profesor ferrolán, foi unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, desenvolvendo unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.
A obra de creación literaria de Carballo Calero transita os diversos xéneros canónicos e suma uns vinte libros. Como narrador publico, entre outros, A xente da Barreira (1951). Tamén cultivou a poesía, con títulos como Pretérito imperfeito (1980), entre outros. Igualmente, fixo achegas á literatura galega como dramaturgo: Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro (1971) entre outras.
Xa era hora!
FONTE: Real Academia Galega
0 comentarios