UNHA MONTAÑA DE PLUTÓN: ELCANO MONTES
Elcano Montes, na parte inferior da imaxe / NASA/JHUAPL/SwRI/Ross Beyer
O 18 de febreiro de 1930 o astrónomo Clyde Tombaugh descubriu o que foi considerado, daquela, como o noveno planeta do Sistema Solar. Pronto, as caixas de correos do Observatorio Lowell (Estados Unidos), onde traballaba, enchéronse de suxerencias para poñerlle nome ao novo mundo: rexeitouse chamalo Cronos, Zyxmal ou Minerva, entre outras moitas propostas. Ao final gañou a idea dunha nena británica de 11 anos afeccionada á mitoloxía clásica, Venetia Burney, que quixo nomear ao planeta en honra ao deus romano do inframundo: Plutón.
A exploración incansable dos descoñecido segue facendo necesaria unha das actividades humanas máis primitivas: a de poñerlle nome ás cousas. Por iso, esta semana a Unión Astronómica Internacional (IAU) nomeou 14 fitos xeográficos de Plutón, descubertos pola sonda New Horizons, da NASA, en 2015. Un deles, unha rexión montañosa situada ao sur do planeta, fai honra ao mariño español Juan Sebastián Elcano, o explorador que completou a primeira circunnavegación da Terra no 1522. Dáse a circunstancia de que onte, 10 de agosto, cúmpríronse 500 anos desta odisea, iniciada por Fernando de Magallanes en 1519.
Desde agora, a rexión montañosa de Elcano Montes levántase ao sur de Wright Mons, a poucos quilómetros ao norte do descoñecido, nunha zona escura que os instrumentos da sonda New Horizons non puideron varrer cando fixo a súa pasada histórica, fai xa catro anos. Esta rexión forma parte dun complexo montañoso situado ao sur da famosa planicia Sputnik, unha chaira de xeo de nitróxeno que, xunto á rexión Tombaugh, xeran en Plutón unha curiosa forma de corazón.
FONTE: Gonzalo López Sánchez/abc.es/ciencia
0 comentarios