MINUTO A MINUTO, O QUE PASOU HAI 66 MILLÓNS DE ANOS
O cilindro de sedimentos foi extraído ata os 1.300 metros baixo o leito mariño e estudado por segmentos / ECORD/IODP
Hai uns 66 millóns de anos, milenio arriba ou abaixo, un asteroide impactou coa Terra no que hoxe é o golfo de México. O choque foi tal que a teoría dominante entre os científicos sinala que provocou a desaparición do 75% da vida, empezando polos dinosauros. Agora, o estudo dun cilindro de rocha extraído do cráter que provocou permitiu reconstruír minuto a minuto o que pasou hai tanto tempo. E foi un verdadeiro inferno.
En 2016, a Expedición 364 ao cráter de Chicxulub, no noroeste da península do Iucatán (México), tradeou a zona do impacto. Non furaron o mesmo centro, senón no bordo exterior do cráter. Extraeron un cilindro rochoso de ata 1.334 metros por baixo do leito mariño. Cortado en porcións, o seu estudo por un amplo grupo de xeólogos e científicos doutros ámbitos conta a historia en capítulos tan precisos como o fan os aneis das árbores ou os núcleos extraídos do xeo, aínda que pasasen millóns de anos.
"É unha das vantaxes cos cráteres de impacto. A súa formación segue leis físicas moi ben definidas", di un dos autores do estudo. "Podemos reconstruír unha secuencia de eventos (por exemplo, ver que sedimentos seguen un encima do outro). Polo tipo de sedimento (tamaño dos clastos [fragmentos], tipo e clasificación), podemos saber se se depositaron rápida ou lentamente, e aproximadamente o tempo que tardaron", explica.
En Chicxulub, o asteroide impactou liberando unha enerxía equivalente á de 10.000 millóns de bombas como a de Hiroshima. Volatilizou inxentes cantidades de material e estudos anteriores estimaron que liberou na atmosfera 425 xigatoneladas de CO2 e outras 325 de sulfuros (unha xigatonelada equivale a 1.000 millóns de toneladas métricas). Un penúltimo dato: o subseguinte tsunami levou auga do Caribe ata os grandes lagos do norte de Estados Unidos, a uns 2.500 quilómetros da zona do impacto.
Pero o que máis interesou aos xeólogos foi o rápido que se encheu a maior parte do cráter cos restos do brutal choque. Estímase que en apenas 24 horas o buraco cubriuse dunha capa duns 130 metros de sedimentos, que son os que estudaron agora. Aí está escrita a historia do primeiro día da vida na Terra tras o impacto. Aí poñen os xeólogos a división entre dúas eras, a do mesozoico e o cenozoico actual. E aí é onde case todo indica que empezou a extinción dos dinosauros e a emerxencia dos mamíferos.
Segundo o estudo, publicado en PNAS, os 40-50 metros inferiores, formados de rocha fundida e fragmentaria (brechas) depositáronse minutos despois do impacto. Unha hora máis tarde formouse outra capa duns 10 metros composta de suevita, rochas de vidro e outros materiais fundidos. Horas despois enchéronse outros 80 metros de sedimentos máis finos. Ao acabar o día, o refluxo da auga retirada co impacto arrastrou ata alí inxentes cantidades de material da rexión e de zonas moito máis afastadas.
Entre eses últimos sedimentos, os investigadores atoparon gran cantidade de material orgánico, en especial o rastro de fungos e moito carbón vexetal. Este debeu de chegar desde os restos dos incendios provocados tanto polo impacto como pola caída de materiais incandescentes nas selvas que había centenares de quilómetros á redonda.
"Cun asteroide de 12 quilómetros golpeando Iucatán, os efectos locais deberon ser catastróficos e tamén probablemente en distancias de ata 1.500 quilómetros do impacto, onde o pulso térmico puido facer que as árbores ardesen. A maiores distancias, o material exectado tamén provocaría incendios por fricción a medida que caía dende a atmosfera. Pero eses efectos deberon ser de curta duración e non poden explicar a extinción global do 75% da vida", comenta outro dos autores ciyado estudo.
Esa parte da historia empezou aquel día, pero debeu de durar anos. Na rocha extraída dos bordos interiores do cráter de Chicxulub hai unha rechamante ausencia de materiais sulfurosos. Non hai rastro de xofre na zona e momento do impacto, aínda que abundan as rochas ricas en sulfuros. Estes datos reforzan a teoría de que o asteroide expulsou enormes cantidades de sulfuros á atmosfera, impedindo a radiación solar e arrefriando o planeta. As simulacións indican que a temperatura media global descendeu 20 graos e mantívose así uns 30 anos.
FONTE: Miguel A. Criado/elpais.com/ciencia
0 comentarios