Blogia
vgomez

APOROFOBIA



Realmente molestan os estranxeiros, ou o que molestan son os pobres, sexan estranxeiros ou da propia casa?” Con este punto de partida, a filósofa Adela Cortina, catedrática emérita de Ética e Filosofía Política na Universidade de Valencia, acuñou unha nova palabra: “aporofobia”, para definir o rexeitamento ao pobre. O que non se nomea non existe e era necesario inventar este neoloxismo que sinalase a discriminación universal ás persoas sen recursos. “A aporofobia vai en contra da dignidade humana e é excluínte. A democracia ten que ser inclusiva necesariamente. Por iso non pode existir unha sociedade  aporófoba e democrática. E todas as sociedades que coñezo son  aporófobas”, explica.

Adela Cortina é directora da Fundación Étnor (Ética dos negocios e as Organizacións empresariais) e durante anos liderou a análise contemporánea de filosofía política e ética aplicada, reivindicando a importancia da educación en valores e a filosofía na escola.

Foi a primeira muller que ingresou na Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, institución que en 2019 recoñeceu a súa traxectoria filosófica coa publicación do libro ‘Ética e filosofía política: Homenaxe a Adela Cortina’, que reúne a reflexión de medio centenar de autores sobre o seu pensamento e ensinos. Cortina é tamén autora de libros como ‘O quefacer ético’, ‘Para que serve realmente a ética’, polo que recibiu o Premio Nacional de Ensaio 2014 e ‘Aporofobia, o rexeitamento ao pobre’.

0 comentarios