Blogia
vgomez

A NATUREZA XA NON PODE MANTER AOS HUMANOS

   

Máis dun terzo dos cultivos humanos necesitan dos insectos e aves para a súa  polinización / NATURAL CAPITAL PROJECT

En 30 anos, máis da metade da poboación mundial sufrirá as consecuencias dunha natureza malferida. Un amplo estudo modelou o que os distintos ecosistemas e procesos biolóxicos ofrecen hoxe aos humanos e o que poderán darlles en 2050. Por diversas causas, a maioría antropoxénicas, procesos naturais como a  polinización dos cultivos ou a renovación da auga reducirán a súa achega ao benestar humano. A peor parte levaranlla rexións que hoxe teñen un maior capital natural, como África e boa parte de Asia.

Os autores da investigación determinaron a contribución natural dos diversos ecosistemas a tres procesos craves para os humanos: a  polinización por parte de insectos e aves, a rexeneración da auga mediante a retirada do exceso de nitróxeno procedente da gandería e a agricultura ou a protección que diversas barreiras naturais dan na liña de costa. "A natureza ofrece moito máis aos humanos, nun anterior traballo expomos 18 grandes familias de contribucións naturais, pero non hai datos de todas elas e para todo o planeta", di o coautor do estudo, para explicar a elección destas tres contribucións.

Solaparon aqueles datos cos da poboación actual e a prevista en 2050 a escala local. O modelo incluíu tamén os distintos factores que máis están a deteriorar a natureza, como os cambios no uso da terra en forma de deforestación e avance da agricultura, a acelerada urbanización ou o cambio climático. Por último, aplicaron o seu modelo a tres posibles escenarios: un no que as sociedades seguirán baseadas no uso dos combustibles fósiles como agora, outro emerxente que denominaron de rivalidade rexional e un terceiro protagonizado pola sustentabilidade.

O traballo, publicado en Science, conclúe que, no peor dos escenarios, ata 4.450 millóns de persoas poderían ter problemas coa calidade da auga pola incapacidade dos distintos ecosistemas de rexenerala. Ademais, case 5.000 millóns de humanos terán que soportar unha significativa diminución nos rendementos dos seus cultivos por unha deficiente  polinización.

Os peores resultados non se dan no escenario onde o petróleo (e as emisións de CO2) son a base do sistema, senón no novo de rivalidade rexional. Neste panorama de nacionalización da globalización, o aumento da poboación intensificará a presión sobre os recursos que a natureza pode ofrecer en moitas rexións do planeta.

Só unha aposta por unha traxectoria sustentable podería reducir o número de persoas afectadas pola deterioración dos ecosistemas entre tres e dez veces. Con todo, sexa cal for o escenario que se dea dentro de 30 anos, uns 500 millóns de habitantes das zonas costeiras terán un maior risco de erosión do litoral ou de inundacións.

O traballo, que se plasmou nunha potente ferramenta visual do Proxecto Capital Natural, permite saber quen serán os que mais perdan. Ata 2.500 millóns de persoas do leste e sur de Asia e outros 1.100 en África sufrirán unha redución na calidade da súa auga. Os riscos costeiros concentraranse no sur e o norte de Asia. Mentres, os maiores problemas coa  polinización natural teranos de novo no sueste asiático e África, pero tamén en Europa e América Latina. En ambas as rexións as persoas afectadas poderían achegarse aos 900 millóns.

Aínda que a tecnoloxía veu suplindo un número crecente de servizos que antes prestaba a natureza, esta vez podería non ser a resposta.

Máis realista parece conservar a biodiversidade alí onde máis ofrece. E, como di a científica do Proxecto Capital Natural e coautora do estudo "contamos coa información que necesitamos para evitar os peores escenarios que proxectan os nosos modelos e avanzar cara a un futuro xusto e sustentable".

FONTE: Miguel Ángel Craiado/elpais.com/ciencia

0 comentarios