CAMBIO CLIMÁTICO ANTROPOXÉNICO
Que tempo fará hoxe? Mario Picazo ten a resposta. Durante case dúas décadas informou, a través dos televisores dos españois, de se había que coller o paraugas ou a toalla de praia. Agora, reconvertido en home do tempo 2.0, ofrece prognósticos detallados en varias plataformas dixitais de prestixio como Eltiempo.es.
O meteorólogo e presentador descubriu a súa paixón sendo neno. Cando os mozos da súa idade rodaban en patinete, el quitoulle as rodas e cravou unhas pelotas de pimpón para construír un anemómetro. Dende entón perseguiu tornados, camiñou polo pobo máis seco do mundo ou viaxou ao lugar máis frío do planeta. O seu amor polos fenómenos meteorolóxicos e pola sabedoría popular, quedaron patentes na serie de televisión ‘Climas extremos’ ou no seu libro ‘Os grilos son un termómetro: curso práctico de meteoroloxía’.
Picazo reviste a súa profesión cunha pátina de aventura, pero advirte de que a meteoroloxía require “lidar coas matemáticas e coa física, porque son as ecuacións as que predín o tempo”. Por iso estudou Física na Universidade de Barcelona, Matemáticas e Xeografía na Universidade de Novo México e doutorouse en Ciencias da Atmosfera na Universidade de California nos Ángeles, onde actualmente é profesor de Meteoroloxía e Cambio Climático. “Xa podemos empezar a relacionar con bastante precisión secas, ondas de calor, inundacións e fortes episodios de choiva co cambio climático”, afirma o experto.
Que clima teremos mañá? Mario Picazo tamén pode darnos resposta a esta cuestión. Fala de crise climática, aínda que está convencido de que “se educamos ás novas xeracións estamos a tempo de desacelerar o cambio climático”. E sentenza: “A profesión do futuro é esta: tentar buscar solucións”.
0 comentarios