Blogia
vgomez

UN LIBRO PARA LER: "DESMONTANDO O CRIME PERFECTO"

O pasado día 12, viaxando en coche, escoitei na radio a reseña deste libro: "Desmontando o crime perfecto" da periodista, do Periodico de Catalunya, Mayka Navarro, publicado na editorial Alreves. Nese mesmo día, peticioneino na miña librería habitual, Ler, da nosa localidade, que non o tiña aínda. Ás 24 horas estaba no meu poder. Estivo uns días encima dunha mesa, pois andaba con outro libro, ata que o pasado venres, día 22, ao  pasar ao seu lado collino e comecei a lelo. O domingo, día 24, estaba rematado.

O libro reconstrúe a minuciosa investigación dos Mossos d’Esquadra que deu ao traste co plan que durante meses deseñou María Ángeles Molina Fernández (Angi), unha mala muller, para tratar de emular un crime perfecto. Os policías son os protagonistas deste relato baseado todo en feitos reais, que conta, ademais, coa mirada e os sentimentos en primeira persoa da xornalista de sucesos e autora do libro, que no seu día publicou a investigación e que a punto estivo de ser imputada pola xuíza que dirixía o caso.

Foi a muller encargada de limpar o apartamento que se alugaba por días no barrio de  Gràcia de Barcelona, quen a mañá do 21 de febreiro do 2008 descubriu o corpo sen vida de Ana María  Páez Capital. A nova, de trinta e seis anos, estaba completamente ispe sobre un sofá e levaba atada unha bolsa de plástico na cabeza. Xunto ao cadáver, os investigadores dos Mossos d’Esquadra só atoparon unha perruca e un par de botas negras. Nos primeiros momentos, os policías do Grupo de Homicidios expuxéronse a hipótese dunha morte por asfixia sexual. Unha tese que se desvaneceu en canto chegaron ás dependencias policiais as primeiras imaxes dunha misteriosa e atractiva muller que, facéndose pasar pola vítima, sacaba diñeiro da conta corrente da nova asasinada. A investigación centrouse entón nela, ,  Angi, a asasina que durante varios anos foi capaz de seducir aos responsables de varias entidades bancarias que lle concederon, sen ningún tipo de control, préstamos e seguros que asinou coa identidade da súa amiga asasinada.

Unha viaxe "alucinante" ao mundo da investigación criminal.

Moi recomendable!

0 comentarios