AXILIDADE EMOCIONAL
Vivimos nunha “tiranía da positividade”, asegura a psicóloga estadounidense Susan David: “A sociedade esixe que os enfermos se manteñan optimistas, que as mulleres non mostren ira e que os homes non choren”, sinala. Segundo as súas investigacións, a maior parte das persoas xúlganse a si mesmas por sentir emocións “negativas”, como o enfado, a decepción ou a tristeza. Pero reprimir ou negar estas emocións faias máis fortes, e condúcenos ao bloqueo.
Doutora en psicoloxía e profesora da Escola de Medicina da Universidade de Harvard, para Susan David a clave está na chamada “Axilidade emocional”: “Ser emocionalmente áxiles significa aprender a convivir coas nosas emocións, pensamentos e recordos de forma saudable. Sendo, ademais, coherentes cos nosos valores”, explica. Parece sinxelo, pero non sempre o é. Para logralo, ela anímanos a aceptar as nosas emocións desagradables, a ser compasivos connosco mesmos por telas e a prestar atención á mensaxe que nos lanzan: “As emocións son sinais que nos indican aquilo que nos importa. Esteamos atentos, porque guíannos para actuar segundo os nosos valores”, conclúe.
Susan David é unha das psicólogas estadounidenses de maior recoñecemento no campo da xestión emocional e a psicoloxía do benestar. Os seus traballos de investigación sobre axilidade emocional irromperon con forza no ámbito da psicoloxía a nivel mundial. É cofundadora do Instituto de Coaching do ‘McLean Hospital’ (Massachusetts) e tamén autora de varios títulos, entre os que destacan o ‘Manual de Oxford para a felicidade’ (2014) e ‘Axilidade emocional: despegar, abrazar o cambio e prosperar no traballo e a vida’ (2016).
0 comentarios