Blogia
vgomez

VALENTINA TERESHKOVA: A PRIMEIRA MULLER COSMONAUTA

Valentina Tereshkova, momentos antes de emprender a súa misión espacial / Roscosmos.

Cando era unha nena, Valentina Vladímirovna Tereshkova (Máslennikovo, 6 de marzo de 1937) soñaba con ser maquinista. Fascináballe a idea de levar trens e percorrer cidades onde coñecer xente. A súa infancia viuse truncada pola Segunda Guerra Mundial, en cuxo fronte faleceu o seu pai. “Eramos nenos da guerra”, lembraba hai un par de anos no Museo da Ciencia de Londres (Reino Unido).

A pequena  Valentina non se imaxinaba entón que non chegaría a conducir trens senón naves espaciais e que se convertería nunha lenda, ao ser a primeira muller en logralo. Aos seus 80 anos, Tereshkova é unha icona no seu país.

A nai de Valentina aprendeu a ler con 26 anos. Tras quedar viúva, criou aos seus tres fillos na aldea de Máslennikovo, no centro de Rusia. Valentina empezou a escola con oito anos pero tívoa que deixar aos dezaseis para poñerse a traballar.

Afeccionada a saltar en paracaídas, adestrouse nun club local, unha decisión que marcaría a súa vida. Mentres traballaba nunha fábrica téxtil, a Forza Aérea Soviética emprendeu unha exhaustiva procura en clubs de voo para localizar mulleres paracaidistas. Valentina foi unha das catrocentas elixidas.

Rodeadas dun gran segredo, as mozas tiveron que superar diferentes probas eliminatorias e ao final quedaron cinco, entre elas, Tereshkova. Tras dous anos de formación, foi a elixida para ser a primeira muller en voar ao espazo.

A cosmonauta afirma ignorar por que a escolleron. Sergei Korolev, deseñador principal do programa espacial soviético, declarou naquela época que, aínda que as súas compañeiras estaban mellor preparadas, “ningunha podía competir con Tereshkova na capacidade de influír nas multitudes, espertar a simpatía entre a xente e comparecer ante unha audiencia”.

As súas orixes humildes e o seu perfil proletario achegábana ao pobo, o que encaixaba á perfección co modelo que buscaban os dirixentes rusos.
O erro que puido custarlle a vida

O 16 de xuño de 1963, Tereshkova despegou ao espazo ao mando da misión Vostok 6. O obxectivo, ademais de adiantar a Estados Unidos enviando á primeira astronauta ao espazo (como xa ocorreu con Yuri Gagarin), era pescudar como respondía o corpo feminino a estas condicións extremas.

A misión durou case tres días, nos que Tereshkova, que entón tiña 26 anos, orbitou a Terra 48 veces. Cando xa estaba en órbita, a cosmonauta deuse conta dun erro no programa de control que lle impediría descender para volver a Terra. Ao comunicalo á base, puidérono corrixir pero Korolev pediulle que o mantivese en segredo. Tereshkova gardou silencio trinta anos, ata que o responsable do erro fíxoo público.

A xesta causou un gran balbordo no país. Como a nai de Tereshkova non tiña televisión, os seus veciños convidárona á súa casa para que vise a Valentina no espazo, o que foi unha auténtica sorpresa para ela, que non sabía nada polo segredo das autoridades rusas.

Tras a súa misión, Tereshkova estudou enxeñería espacial e doutorouse en 1977. Neses anos foi membro do  Soviet Supremo e ata 1991 pertenceu ao Comité Central do Partido Comunista. Nos seus octoxésimos aniversarios Vladimir Putin felicitouna en persoa con estas palabras: “Sempre fuches un exemplo para nós por como serviches á patria, ao longo do tempo e con diferentes tarefas. Hoxe continúas facéndoo na  Duma”. Retirada das forzas aéreas, Tereshkova conserva esa sede de aventuras que a levou ao espazo e reiterou que lle gustaría voar a Marte, aínda que fose soa viaxe de ida.

FONTE: Laura Chaparro/materia/elpaís.com

0 comentarios