Blogia
vgomez

TODO UN SISTEMA SOLAR NA ESTRELA MÁIS PRÓXIMA AO SOL

Representación artística de Próxima b, unha terra que tamén está na órbita de Próxima Centauri - ESO/M. Kornmesser

Hai tan só uns días fíxose publica unha investigación que acababa de confirmar a existencia de Próxima b, un  exoplaneta parecido á Terra na estrela máis próxima ao Sol. Pero a estrela que acubilla a esta terra, de nome Próxima Centauri, está a dar moito máis que falar estes días. Varias investigacións están a sinalar a posibilidade de que alí existan máis planetas, á parte de Próxima b: todo un sistema solar por descubrir e observar coa próxima xeración de instrumentos.

Agora, Fritz Benedict, investigador emérito no Observatorio McDonald, na Universidade de Texas en Austin, Estados Unidos, anunciou uns achados que confirman un estudo anterior que suxería a existencia de Próxima c, un mundo frío situado máis aló de Próxima b. Grazas á análise de vellos datos recolleitos polo telescopio espacial Hubble, o astrónomo asegura dar con probas de que existe un mundo, que podería ser unha  superterra ou un minineptuno, que tarda 1.907 días en dar unha volta ao redor de Próxima Centauri. Os seus achados foron publicados esta semana no encontro anual da American Astronomical Society.

Próxima b foi descuberto en 2016 polo equipo do español Guillem Anglada-Escudei, a través do método da velocidade radial: este non se basea en observar directamente os planetas nin en detectar os tránsitos, as baixadas de brillo que provocan os planetas ao pasar por diante das súas estrelas, senón en estudar o efecto da súa masa sobre o movemento das estrelas. Grazas a isto pódese deducir a masa e a distancia á que está o planeta da súa estrela, pero vólvese necesario facer máis observacións para afinar os parámetros e confirmar os achados. 

Un estudo dirixido por astrónomos do observatorio de Xenebra (Suíza) confirmaba a existencia de Próxima b e melloraba as estimacións sobre a súa masa. Pero ademais diso, estes científicos suxerían a existencia dun novo planeta en Próxima Centauri. Aínda que Próxima b está moi preto da súa estrela, sete veces máis preto dela que Mercurio do Sol, os astrónomos atoparon indicios de que podería haber outro pequeno mundo situado aínda máis preto. Podería ser que á parte de Próxima b houbese un mundo aínda máis interior.

A historia non acaba aquí. A principios deste ano o equipo de Mario Damasso, do Instituto Nacional de Astrofísica (INAF), en Italia, propuxo a existencia de Próxima c, outro planeta situado na órbita de Próxima Centauri pero moito máis lonxe que Próxima b. A través da técnica da velocidade radial, Damasso e colegas concluíron que este exoplaneta está a unha distancia un 50% maior á que está a Terra do Sol e que ten entre catro e oito masas terrestres.

Hai uns días, a investigación impulsada por Fritz Benedict, astrónomo do Observatorio McDonald, veu a apoiar con novos resultados o proposto por Damasso, á vez que afinou as súas estimacións.

A confirmación de Fritz Benedict chegou porque decidiu recuperar uns datos cos que xa traballou hai décadas. Foron recollidos polo telescopio espacial Hubble, nos anos noventa, e teñen rexistrada a posición de Próxima Centauri. Así, grazas á astrometría, Benedict localizou sinais da presenza dun planeta cun período de 1.907 días, o que coincide coas estimacións de Damasso. Segundo os seus cálculos, Próxima c ten ao redor de sete masas terrestres.

Significa todo isto que se pode afirmar que hai un sistema solar con varios planetas en Próxima Centauri? Segundo Fritz Benedict, para confirmar a existencia de Próxima c será necesario esperar a novas observacións, incluíndo as de imaxe directa realizadas por instrumentos como SPHERE, para o que comentou que haberá que esperar a que pase a pandemia de  COVID-19 e a que «Próxima  Centauri saia de detrás do Sol» (en realidade será o Sol o que se mova).

Benedict tamén destacou a contribución que podería ter a misión europea Gaia, que podería mellorar 50 veces a resolución dos seus resultados de astrometría conseguidos co Hubble, e que podería detectar tanto as perturbacións causadas por Próxima b como por Próxima c en Próxima Centauri.

Ademais diso, o astrónomo afirmou que este posible planeta será un branco moi importante para a próxima xeración de telescopios espaciais (como WFIRST), así como os telescopios xigantes terrestres, que poderá usar técnicas de imaxe directa para estudar as atmosferas destes  exoplanetas, co importante que iso é para estudar como son e se poderían albergar vida.

FONTE: Gonzalo López Sánchez/abc.es/ciencia

0 comentarios