Blogia
vgomez

DETECTADA A GALAXIA MÁIS AFASTADA ATA AGORA

DETECTADA A GALAXIA MÁIS AFASTADA ATA AGORA

Imaxe captada polo telescopio Hubble da rexión do ceo onde está a galaxia z8-GND-5296 (ampliada), que é a máis afastada confirmada ata agora. / V. TILVI (TEXAS A&M) / S. FINKELSTEIN (UT AUSTIN) /CANDELS TEAM /HST/NASA

A galaxia máis afastada detectada ata agora chámase z8-GND-5296 e a súa luz tardou 13.000 millóns de anos en chegar ata nós dende que se emitiu. Os astrónomos, polo tanto, vena agora como era cando transcorreran só pouco máis de 700 millóns de anos dende o Big Bang. Hai outras galaxias candidatas a récord de distancia, pero non se confirmaron, como esta agora, mediante técnicas de espectrometría, é dicir, de análise da súa luz. Os astrónomos que a mediron calculan, ademais, que se están a crear nela estrelas a ritmo realmente alto: unhas 300 anualmente, mentres que na nosa Vía Láctea se forman unha ou dous como o Sol ao ano. Esta información foi publicada na revista Nature. 

A idade do universo foi establecida polo telescopio espacial Planck en 13.800 millóns de anos, así que se a luz de z8-GND-5296 que chega agora aos telescopios na Terra estivo viaxando algo máis de 13.000 millóns de anos; cando se emitiu o cosmos tiña arredor do 5% da súa idade actual. Como o universo se está a expandir dende o Big Bang, os investigadores calculan que esa galaxia estará xa agora a uns 30.000 millóns de anos luz de distancia de nós.

Coas observacións de espectrometría os científicos poden estimar a distancia dos obxectos afastados no ceo comparando as lonxitudes de onda emitidas por un átomo determinado coas observadas procedentes da galaxia afastada. Viaxando nun universo en expansión, as ondas fóronse alongando, como as engurras dun pano que un estirase. Chámase para este efecto corremento cara ao vermello (as ondas máis longas perceptibles polo ollo humano), que será maior canto máis lonxe este a galaxia observada.

Os investigadores, partindo de datos tomados con telescopio espacial Hubble, seleccionaron 43 galaxias candidatas para a súa busca. Grazas a un novo espectrómetro avanzado instalado nun dos telescopios Keck (en Hawái) puideron determinar para z8-GND-5296 un valor de corremento ao vermello de 7.51 (o que traducen neses 13.000 millóns de anos de distancia percorrida pola luz da galaxia).

FONTE: Xornal El Pais/Ciencia

0 comentarios