A CUARIOSIDADE, O MOTOR DOS AVANCES DA HUMANIDADE
Desde neno sentiu unha curiosidade irrefreable por entender como se constrúen as cousas. Así desenvolveu a súa paixón pola enxeñería. Pero foi vendo a Neil Armstrong pisar a Lúa, desde a súa Arxentina natal e no seu televisor branco e negro, cando espertou a súa vocación pola exploración do espazo. Na actualidade, Miguel San Martín é xefe de enxeñería aeroespacial no ‘Jet Propulsion Laboratory’ da NASA.
O seu traballo céntrase en analizar os problemas que se presentan durante a aterraxe das naves de exploración noutros planetas, lúas ou asteroides. Levou a cabo misións de gran importancia para a investigación espacial, como a ‘Magallanes’ a Venus ou a ‘Cassini’ a Saturno. Pero a súa área de especialización son as exploracións a Marte. Participou nas misións ‘Mars Pathfinder’ (1997), ‘Mars Exploration Rovers Spirit’ e ‘Opportunity’ (2004). En 2011 tivo un papel crave na exitosa misión ‘Curiosity’ para a exploración da superficie marciana.
Miguel San Martín licenciouse en Enxeñería Electrónica na Universidade de Syracuse (Estado de Nova York) e en 1985 rematou o seu Máster en Enxeñería Aeronáutica e Astronáutica no Massachusetts Institute of Technology. Ese mesmo ano entrou a formar parte da NASA. Recibiu numerosos premios, entre os que destacan o Premio Konex ao Mérito en desenvolvemento tecnolóxico, a Medalla do logro de Enxeñería Excepcional da NASA e o prestixioso Premio Collier Trophy, outorgado pola Asociación Nacional de Aeronáutica estadounidense. En 2019 foi elixido membro da Academia Nacional de Enxeñería de Estados Unidos.
0 comentarios