Blogia
vgomez

CONDRITA DE ENSTATITA: A CLAVE DA ORIXE DA AUGA NA TERRA

Meteorito de condrita de enstatita / Didier Descouens/Wikicommons

A auga é un alicerce básico na existencia de vida; non en balde, o 71% da superficie está cuberta deste líquido elemento. Con todo, segundo os modelos de formación do Sistema Solar, a Terra debería estar seca: estaba demasiado preto do Sol. Aínda así, os vastos océanos ou a atmosfera húmida do noso planeta azul desafían esta teoría, convertendo o noso mundo en único entre os outros mundos rochosos do Sistema Solar interior. É por iso que a pregunta de como chegou en primeiro lugar á Terra aínda xera unha forte controversia no seo da comunidade científica: estaba aquí desde o principio ou chegou a bordo dun cometa ou un asteroide?

Un novo estudo publicado na revista Science vén inclinar a balanza a favor da primeira teoría: a Terra sempre foi húmida.

Investigadores do Centre de Recherches Petrographiques  et Geochimiques (CRPG, CNRS/Universidade de Lorraine) en Nancy, Francia, determinaron que un tipo de meteorito chamado condrita de enstatita, e que podería ser o material para partir do cal se orixinou o noso planeta, contén suficiente hidróxeno para encher polo menos tres veces a cantidade de auga que existe nos océanos da Terra. Aínda que probablemente sexa capaz de albergar moito máis.

O noso descubrimento mostra que os bloques de construción da Terra poderían contribuír significativamente á auga no noso planeta”, afirma a autora principal do estudo. “O material que contén hidróxeno estaba presente no Sistema Solar interior no momento da formación do planeta rochoso, a pesar de que as temperaturas eran demasiado altas para que a auga se condensara”.

As condritas de enstatita están compostas por completo de material do Sistema Solar interior; de feito, pénsase que este tipo de raro meteorito, do que só se atoparon 24 mostras, orixináronse por dentro da órbita de Mercurio. É dicir, moi preto do Sol. As principais teorías apuntan a que se trata de parte dos “ladrillos” que formaron os planetas rochosos da nosa veciñanza cósmica, incluída a Terra. Pero ao estar tan preto da nosa estrela, dábase por feito de que se trataba dunha rocha “seca”, xa que as temperaturas serían demasiado altas para que a auga se condensara e se xuntara con outros sólidos durante a formación do planeta.

Con todo, no seu interior estes meteoritos gardaban unha sorpresa: as condritas de enstatita conteñen unha inesperada alta abundancia de auga.

Para estudar materiais extraterrestres, como os meteoritos caídos á Terra, analízase a presenza de determinados isótopos como unha firma distintiva que permite coñecer de onde proceden. E, aínda que as condritas, que teñen diferentes subtipos, sexan raras, a súa similitude isotópica coa Terra fainas particularmente atractivas. Sabíase que as condritas de enstatita teñen isótopos de osíxeno, titanio e calcio similares aos do noso planeta; pero agora estas novas análises revelan que tamén os seus isótopos de hidróxeno e nitróxeno son iguais aos nosos.

Ademais, a auga non sería o único elemento básico que proporcionaron ao noso planeta. O documento tamén propón que unha gran cantidade do nitróxeno atmosférico, o compoñente máis abundante da atmosfera da Terra, podería provir das condritas de enstatita.

Só existen unhas poucas condritas de enstatit  prístinas: as que non foron alteradas nin no asteroide que as transportaba nin na Terra, afirman os investigadores. No noso estudo, seleccionamos coidadosamente os meteoritos de condrita enstatita aplicando un procedemento analítico especial para evitar contaminación debido á entrada de auga terrestre nas mostras”. Concretamente, grazas á combinación de dúas técnicas analíticas, a espectrometría de masas convencional e a espectrometría de masas de ións secundarios (SIMS), permitiu aos investigadores medir con precisión o contido e a composición das pequenas cantidades de auga nos meteoritos.

Antes deste estudo, “asumíase que estas condritas formábanse preto do Sol”, indicase no estudo, polo que “as condritas de enstatita considerábanse comunmente ’secas’. Esta suposición que se reafirma con frecuencia probablemente impedise que se realicen análises exhaustivas para o hidróxeno”. Unha proba de que mirar desde outro ángulo pode proporcionar un punto de vista revolucionario.

FONTE: Patricia Biosca/abc.es/ciencia

0 comentarios