Blogia
vgomez

A FILOSOFÍA SAE Á RÚA

 

Ao comezo da súa carreira como profesor de Filosofía, Eduardo Infante descubriu que unha das súas alumnas de Bacharelato non atendía ao encerado e miraba pola xanela. “Que é iso tan interesante alén da xanela? Imaxino que será máis importante que o exame da semana que vén”, preguntou ironicamente. “A vida”, respondeu a súa alumna. Dúas palabras que derrubaron o seu mundo. Deuse conta de que convertera a súa aula nunha “caverna”, cos alumnos como prisioneiros.

 Ao día seguinte borrou o encerado e empezou a impartir as súas clases no parque e as rúas, onde preguntaba aos estudantes que problemas existenciais tiñan e que respostas querían atopar na Filosofía. Sobre a vida, a morte, o amor ou a liberdade abriron debates que seguen desenvolvendo a través dos #filoretos, que o profesor lles lanza a través das redes sociais. Ese foi o xerme do libro ‘Filosofía na rúa’, onde Eduardo Infante reúne as grandes preguntas universais que inspiraron aos pensadores de todos os tempos e achégaas ao día a día. “A filosofía non naceu nunha aula, senón nas rúas dunha cidade polas que Sócrates deambulaba. E Sócrates non era un profesor de Filosofía; era un traballador da construción, un veciño normal e corrente, pero implicado profundamente co proxecto democrático e coa liberdade. A Sócrates encantáballe facer filosofía en plena rúa, nos mercados, cos veciños… dialogando e debatendo acerca do xusto e o inxusto e do ben común. Creo que se trata de recuperar esa práctica da filosofía”, conclúe o autor.

0 comentarios